Xornadas sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiros de froito en Palas de Rei, Chantada e O Courel

A iniciativa está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas na súa plantación. Estas accións están integradas no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizará nos vindeiros días diversas xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito en tres concellos lucenses. A iniciativa, na que tamén participa o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos.

A primeira xornada celebrarase o venres 23 en Folgoso do Courel, entre as 10.00 e as 14.00  horas. O día 27 terá lugar en Palas de Rei entre as 17.00 e as 21.00 horas, e por último o día 28 trasladarase a Chantada de novo en horario de mañá (de 10.00 a 14.00 horas).

Os asistentes aprenderán a planificar as súas plantacións, coñecendo as distintas variedades, polinizadores ou condicións do solo, así como consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Tamén se lles falará de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas.

A Xunta aposta pola formación neste sector, dado que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. Todos os interesados que desexen participar nestas xornadas formativas deberán remitir un correo electrónico.

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.