O equipo COVIDBENS logra anticipar a detección de rebrotes de COVID-19 dúas semanas mediante a análise das augas residuais

O grupo COVIDBENS, formado por un equipo multidisciplinar que inclúe microbiólogos, enxeñeiros, matemáticos, informáticos e químicos da UDC e do CHUAC-INIBIC, leva traballando desde o mes de abril na análise das augas residuais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens para determinar a presencia do coronavirus SARS-CoV-2 na poboación e facer un seguimento da epidemia de COVID-19 na área metropolitana da Coruña.

A investigación finalizou con éxito a súa primeira fase no mes de outubro, lográndose os dous principais obxectivos previstos. Así, o equipo COVIDBENS foi quen de prever os rebrotes epidémicos con dúas semanas de anticipación con respecto aos datos clínicos, a partir da análise da carga viral das augas residuais de A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

A base científica do proxecto consiste en que as augas residuais que chegan desde as casas á depuradora, conteñen os restos de material xenético do coronavirus de todas as persoas contaxiadas, sexan sintomáticas ou asintomáticas.

O equipo COVIDBENS describiu os primeiros modelos estatísticos que permiten estimar o número de portadores do virus na área metropolitana a partir da carga viral nas augas residuais.  Este sistema epidemiolóxico baseado en augas residuais permite ter una visión real e completa da magnitude da epidemia, permitindo trasladar a autoridades e epidemiólogos os datos, para que se poidan anticipar aos posibles rebrotes.

Esta alerta temperá confire aos investigadores a capacidade de alertar ás autoridades sanitarias, co fin de que estas tomen as decisións pertinentes antes de que o aumento dos contaxios poida supoñer un colapso do sistema sanitario.

O éxito do proxecto vén dado pola coordinación entre equipos de diferentes disciplinas, así como polas sinerxías xeradas ao estar en contacto directo os investigadores cos clínicos. Participan, no desenvolvemento do proxecto, expertos en diferentes campos da Universidade da Coruña, pertencentes ao Centro de Investigación en TIC (CITIC) e ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O equipo liderado pola investigadora do INIBIC e docente de Microbioloxía da UDC, Margarita Poza, conta cos investigadores do CITIC e docentes da UDC Ricardo Cao, Javier Tarrío e Susana Ladra.

A investigación de COVIDBENS xa comezou a súa segunda fase, tras ser aprobada polo Consello de Administración da empresa pública EDAR Bens.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.