#25N_USC: en loita contra a violencia machista

A difusión dun manifesto lido por diversas voces da comunidade universitaria centra o programa de actos que a USC impulsa co gallo do 25N, ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’, e que contará con lemas, webminars, seminarios e mesmo performances pola cidade de Compostela

A axenda de actividades que a USC impulsa co gallo de conmemorar este mércores 25 de novembro o ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’ evidencia o compromiso da Universidade na loita contra o machismo e todas as súas manifestacións. A lectura dun manifesto no que participarán distintos membros da comunidade universitaria e que se difundirá de xeito virtual o 25N nutre varias semanas ateigadas de accións para poñer o foco na necesidade de estratexias e accións que lle poñan un freo efectivo á violencia machista.

Neste senso, o ciclo de conferencias sobre os resultados dos distintos proxectos de investigación concedidos dentro da convocatoria da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, constará de diversos webminars que abordarán a violencia contra as mulleres dende diversas perspectivas. Así, o mesmo 25N, ás 17.00 horas, trazarase un diagnóstico  do  acoso  sexual  e  o  acoso  por  razón  de  sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC.

Este foro que poderá seguirse en liña é o resultado dun proxecto liderado por María José Méndez Lois e no que toma parte a relatora da xornada e investigadora, Milena Villar Varela. A sesión estará moderada pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. O outro dos webminars corresponde a un proxecto coordinado polo profesor Fernando Lino Vázquez González e levará por título ‘Prevalencia da violencia sexual, correlatos e psicopa-toloxía asociada en universitarias’. Tamén en liña e xunto a Vázquez González, intervirá no foro a investigadora Lara López Ares. A sesión desenvolverase o 2 de decembro ás 17.00 horas.

A difusión do  libro dixital 7 relatos curtos contra a violencia de xénero cos relatos finalistas do III Concurso de relatos curtos centrados nesta temática, nutrirá o programa de actividades dunha semana na que tamén se darán a coñecer, a través das redes sociais da USC, os textos gañadores do VI Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero.

Axenda en Lugo e Santiago

As diferentes Facultades e Escolas da USC súmanse á reivindicación deste 25N a través de diferentes actos. Así, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo elaborará un collage de fotos individuais con lemas en contra da violencia machista, alén de realizar un  photocall o mesmo día 25. Pola súa parte, a Facultade de Formación do Profesorado impulsa o relatorio en liña ‘A trata: unha forma de violencia de xénero’ que se desenvolverá o venres 11 de decembro ás 10.30 a través de Teams e que correrá a cargo de Daniel Bóveda Castro, coordinador da ONG ACCEM Vigo. O lema ‘A Facultade de Ciencias di Non a Violencia de Xénero’ será difundido por este centro a través das súas canles de comunicación social, así como o ‘Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso  por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero’.

A violencia económica centra o seminario que na Facultade de Dereito impartirá a relatora Belén Trigo García a partir das 12.30 horas do 25N, na sala de xuntas do centro. O 3 decembro, ás 13.00 horas, tamén na Facultade de Dereito, será a quenda de Alicia Villalba, quen profundará na prevención do acoso sexual universitario. As inscricións para os dous relatorios deben efectuarse a través do enderezo zderdeca@usc.es

Pola súa parte, o alumnado das titulacións de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, baixo a coordinación do profesor Jorge García Marín, desenvolverán o mesmo 25N diversas performances en diferentes puntos da cidade de Santiago para denunciar a situación das mulleres vítimas de violencia machista.

A Facultade de Óptica e Optometría elaborou un folleto específico para reivindicar a loita contra a violencia machista neste 25N que difundirán en redes socias e proxectarán na pantalla do centro. Asemade, a realización dunha fotografía conmemorativa na porta principal da Facultade de Química ás 12.00 deste mércores completa unha xornada na que tamén se desenvolverá a actividade ‘A loita tendida’, a cal consistirá en “tender” nas entradas da Facultade de Psicoloxía as camisetas e pósters da campaña ‘Compostela en negro’ característica do 25N.

Foto: Santi Alvite. Imaxe de arquivo dunha performance realizada por alumnado de Ciencias da Educación en 2019

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.