A campaña solidaria de Nadal (en)Volve xa conta con 526 cómplices dos Reis Magos e 219 agasallos

Trala súa posta en marcha hai apenas tres semanas, a campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra e a Fundación Meniños, non para de espertar a solidariedade entre os pontevedreses

A iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente quede sen o seu agasallo nestas datas tan especiais, xa conta con 526 cómplices adheridos á ‘causa’ dos Reis Magos e superou a cifra dos 200 presentes recibidos, chegando aos 219.

Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a xenerosidade da cidadanía, sobre todo cando se trata de botar unha man e de debuxar un sorriso nos pequenos máis vulnerables, é tan grande que o número de cómplices supera incluso ao de cartas recibidas (polo momento, 436 misivas), cando noutros anos iamos á par”. Neste mesmo sentido, o coordinador de Meniños, Roberto Antón, salienta que “aínda que en 2019 se chegou aos 588 rapaces e neste temos confirmados ata o de agora 494, o máis chamativo é que teñamos máis xente disposta a colaborar que cartas recibidas: é bo sinal, xa que en principio significaría que o precisan menos”.

A campaña, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten como principal novidade en 2020 que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.

Todos aqueles que queiran converterse en cómplices das súas Maxestades de Oriente deberán encher un formulario que poderán descargar.

Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e tanto Marcos Rey como Roberto Antón animan aos pontevedreses a que fagan as súas compras no comercio local.
Para calquera dúbida, a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños estarán á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.