A rehabilitación do CEIP de Cervo aforrará un 80% en consumo enerxético e emisións contaminantes

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro de ensino, que foi reformado cun investimento próximo ao millón de euros

As obras de rehabilitación integral executadas pola Xunta de Galicia no CEIP de Cervo supoñen un aforro do 84,6% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 87,6% en emisións de CO2, segundo destacou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao colexio.

Arias lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou 943.380 euros a estas obras, que foron licitadas e adxudicadas o ano pasado e que figuran entre actuacións promovidas pola Xunta en centros educativos da provincia de Lugo con cargo ao superávit de 2018.

Para mellorar a eficiencia enerxética levouse a cabo a renovación das envolventes do edificio, colocando panel sándwich e illamento na cuberta e illando tamén a fachada polo exterior mediante sistema SATE. Así mesmo, substituíronse as fiestras por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo; cambiáronse as persianas para evitar pontes térmicos a través delas; instalouse un novo sistema de xeración de calor mediante caldeiras de biomasa e mudáronse as luminarias por equipos LED, de menor consumo, con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns.

O proxecto incluíu outras actuacións complementarias, como a instalación dun ascensor de oito prazas para garantir que todo o recinto escolar sexa un espazo accesible, tanto no interior como no exterior. Tamén se substituíron as varandas dalgunhas escadas do colexio para reforzar a seguridade, fíxose unha reforma integral dos aseos, procedeuse ao acondicionamento e pintado de paramentos verticais, renovouse toda a instalación eléctrica e construíronse falsos teitos en distintas zonas, como aulas, biblioteca, comedor e áreas de administración e de profesorado.

Arias lembrou que no actual contexto económico e sanitario “os recursos destinados a modernizar as instalacións educativas seguen a ser unha prioridade para a Xunta, que continúa planificando grandes obras de rehabilitación integral e tamén outras actuacións de menor envergadura pero esenciais para dar resposta ás necesidades detectadas en cada centro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.