A UDC abre ao público de forma permanente as instalacións do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil cunha visita virtual

A Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (A-CITEEC) pon á disposición do público xeral o CITEEC e a outros laboratorios asociados á Agrupación da Universidade da Coruña cunha visita virtual

O formato deste percorrido interactivo é de panorámicas en 360 grados das extraordinarias instalacións dos laboratorios, con vídeos explicativos de varias das investigacións que se están levando a cabo, ademais de documentación e enlaces a páxinas web. A Agrupación Estratéxica promoveu ademais unha sección virtual destinada á divulgación científica infantil “Mini CITEEC” con vídeos breves dirixidos a nenos e nenas nos que se explica de forma clara e atractiva o que se investiga nos laboratorios de Hidráulica, cun pequeno vídeo sobre o sistema de auga urbana, unha das cousas máis interesantes que pasan nas cidades; e o de Portos, no que de forma amena xustifican a construción de diques para conter as ondas que se producen no mar e protexer os labores dos barcos nos portos. A estes unirase outro vídeo sobre o laboratorio de Construción.

Acceso á visita virtual

Sobre a A-CITEEC

A Agrupación Estratéxica do CITEEC está coordinada polo catedrático da área de Enxeñaría Hidráulica do departamento de Enxeñaría Civil, Jerónimo Puertas. Ten como obxectivo mellorar e intensificar a investigación e a transferencia de coñecemento no ámbito da enxeñería e edificación sustentables co obxectivo de fomentar o benestar das persoas, o desenvolvemento económico e a optimización dos servizos ecosistémicos para o que emprega como ferramentas a análise experimental altamente tecnificada e a análise numérica.

A A-CITEEC é o único polo de excelencia en I+D+i e transferencia singular do Sistema Universitario Galego no ámbito da enxeñería civil. Colabora coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Escola Universitaria Técnica de Arquitectura e a Escola Politécnica Superior, así como coa Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia que agrupa numerosas empresas do sector. Integra nove grupos de investigación da Universidade da Coruña:

  • Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente
  • Grupo de Enxeñaría da Construción
  • Grupo de Mecánica de Estruturas
  • Grupo de Ferrocarrís e Transportes
  • Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría
  • Grupo de Estruturas Arquitectónicas
  • Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais
  • Grupo de Enxeñaría e Dirección de Proxectos
  • Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía

No bienio 2018/2019, a A-CITEEC desenvolveu 51 proxectos de I+D, dos que sete eran de ámbito internacional e o resto nacionais. Conseguiu 118 contratos e convenios con empresas e institucións. Captou fondos para investigación cun valor de 13 millóns de euros, o que case duplica o conseguido no bienio anterior, e ten seis patentes en explotación, das que unha é de referencia internacional e o resto nacionais. Nese período léronse 10 teses de doutoramento relacionadas con estas investigacións que obtiveron a cualificación de “cum laude”.

Foto: UDC

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.