A Universidade da Coruña destina preto de 300.000 euros en axudas ao alumnado para o transporte aos campus

A Universidade da Coruña acaba de abrir a convocatoria de axudas ao alumnado para o transporte urbano da Coruña e metropolitano da Coruña e Ferrol. En total, a UDC destinará 292.980 euros para 2.570 estudantes.

As modalidades de axudas serán dúas, unha dirixida ao transporte urbano da cidade da Coruña, para o alumnado que teña a Tarxeta Millenium; e outra destinada ao transporte metropolitano das áreas metropolitanas da Coruña e de Ferrol, para o estudantado usuario da Tarxeta do Transporte Metropolitano de Galicia, para o alumnado maior de 21 anos, xa que os menores desa idade teñen á súa disposición a tarxeta Xente Nova, que ofrece viaxes gratuítas. Para o alumnado beneficiario da tarxeta metropolitana, a UDC bonificará as súas viaxes cunha redución do prezo entre un 35 e un 50%.

O reitor da UDC, Julio Abalde, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron esta mañá un convenio para pode facer efectivas estas axudas ao alumnado usuario da Tarxeta de Transporte Metropolitano das áreas da Coruña e Ferrol, nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

O reitor agradeceu á conselleira a colaboración para poder facilitar a mobilidade do estudantado aos campus. “Nesta situación provocada pola Covid-19, sanitaria e economicamente, temos que ser proactivos para que ningún estudante teña que deixar os seus estudos por motivos económicos”, manifestou Abalde, quen insistiu en que o transporte público é eficiente e a forma natural de acceso aos campus.

A conselleira incidiu tamén na vertente social deste convenio que beneficiará ao alumnado universitario e ás súas familias. Vázquez lembrou que este convenio, cunha duración de catro anos, prorroga o asinado en 2016 e o mellora ao incluír máis concellos. A conselleira destacou ademais que na reorganización das liñas de transporte se realizou unha conexión directa co campus de Elviña e adiantou que o vindeiro ano a liña A Coruña-Ferrol beneficiarase dunha baixada nas tarifas de transporte público, rebaixa moi ben acollida polo reitor que subliñou a importancia da conexión entre as dúas cidades universitarias.

As axudas ao transporte metropolitano, no caso do alumnado da UDC que curse estudos na Coruña, bonificaránselle os desprazamentos que realicen entre calquera concello da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña e os Concellos da Coruña e de Oleiros en que se localizan as dependencias universitarias. A relación de concellos que integran a ATM da Coruña aparece recollida na seguinte ligazón: http://tmg.xunta.gal/area-da-coruna.

No caso de alumnado da UDC que cursa os estudos en Ferrol, bonificaránselle os desprazamentos que realicen entre calquera concello da ATM de Ferrol e o Concello de Ferrol en que se localizan as dependencias universitarias. A relación de concellos que integran a ATM de Ferrol aparece recollida na seguinte ligazón: http://tmg.xunta.gal/area-de-ferrol.

O prazo para presentar as solicitudes, que se farán electronicamente, remata o 4 de decembro. Máis información: https://bit.ly/3kYdqKg

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.