ABANCA e Afundación presentan ‘A tola aventura do aforro’, o xogo para ensinar educación financeira aos máis pequenos

A proposta forma parte do programa de educación financeira que desenvolven o banco e a súa Obra Social ao longo do curso escolar

ABANCA e Afundación veñen de lanzar ‘A tola aventura do aforro’, unha experiencia inmersiva baseada na gamificación para que os estudantes entre 1º e 4º de Primaria aprendan de maneira colaborativa a importancia de xestionar ben o diñeiro, de aforrar e de ser solidarios. Este ano, ademais, mergullarse nela é máis fácil que nunca, basta con ter un computador e unha pantalla para proxectar o contido.

O banco e a súa Obra Social levan anos desenvolvendo un amplo programa de educación financeira de forma presencial nas aulas de Galicia, pero este ano marcado pola crise sanitaria adaptouse á contorna dixital sen perder a súa esencia para que os alumnos e alumnas de colexios de todo o país teñan a oportunidade de aprender conceptos financeiros que lles servirán na súa vida adulta. Así, os docentes e o alumnado poderán divertirse coas súas actividades desde calquera dispositivo, tanto desde a aula como en remoto desde casa.

A aventura consiste en axudar aos catro personaxes do Planeta Moi Tolo, a millóns de galaxias do noso, a instalarse na Terra e comezar a vivir xuntos, con todas as complicacións que leva compartir piso entre amigos. A través dun particular taboleiro de xogo, o alumnado caerá en casas que simulan imprevistos e situacións da vida cotiá, como unha lavadora avariada, o pago do aluguer ou a elección entre moverse en moto ou en bicicleta, ás que terán que facer fronte manexando os seus aforros da mellor maneira posible para completar o camiño e gañar.

Este xogo interactivo desenvolveuse en base ao currículo escolar e pode traballarse de forma específica nas áreas de Matemáticas, Ciencias Sociais e Valores Sociais e Cívicos, así como en Titoría. Desta maneira, o alumnado aprenderá de forma activa e en primeira persoa a distinguir entre o necesario e o desexado, e que non sempre podemos ter o que queremos.

Ademais, a inmersión narrativa do xogo permite que os estudantes sexan partícipes do proceso de ensino e da aprendizaxe matemática aplicada á vida real, fomentando o seu espírito crítico e emprendedor. Toda a vinculación curricular para enmarcar as actividades gamificadas, así como a información sobre o xogo, están dispoñibles na súa web.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.