ABANCA obtén un beneficio de 143 millóns de euros tras destinar 211 a reforzar provisións

Os ingresos recorrentes por produtos e prestación de servizos bancarios crecen un 12,5%

ABANCA obtivo nos primeiros nove meses do ano un beneficio atribuído de 143,4 millóns de euros, tras realizar provisións por importe de 210,8 para reforzar a súa posición financeira fronte á crise do covid-19.

A entidade afronta a contorna actual cuns robustos niveis de capitalización (16,3% de capital total e 1.214 millóns de euros de exceso sobre requisitos), unha cómoda posición de liquidez (cociente LTD minorista do 96,3% e 10.905 millóns de euros en activos líquidos), uns elevados niveis de cobertura (taxa do 66,0% para activos dubidosos e cociente Texas do 31,0%) e unha alta calidade de activos (cociente de morosidade do 2,6% e nivel de adxudicados sobre balance do 0,4%).

A carteira de crédito da entidade está ben situada para afrontar as consecuencias da pandemia. Ademais da baixa morosidade e elevada cobertura, ABANCA presenta unha ampla diversificación por sectores de actividade económica e mostra unha menor exposición a aqueles máis vulnerables aos efectos da pandemia covid-19. A este feito súmase a maior resiliencia da economía galega, que contribúe de forma positiva á solidez e calidade do negocio da entidade.

Ao longo dos últimos trimestres a entidade puxo en marcha estratexias proactivas de apoio integral á sociedade para superar o impacto da crise. No plano económico, a entidade formalizou operacións de financiamento con garantía pública por importe de 2.753 millóns de euros. Ademais, tamén aplicou facilidades financeiras a hipotecas por un total de 798 millóns de euros e 381 millóns a outro tipo de financiamento. Por último, o banco realizou 450.000 anticipos de pensións e xestionou 3.171 anticipos de prestacións ERTE.

No plano asistencial, desde o inicio da crise do covid-19 o banco doou 521 equipos sanitarios ao SERGAS (Servizo Galego de Saúde), todos eles operativos nas distintas áreas sanitarias de Galicia, dos cales máis de 150 son ucis. Tamén proporcionou preto de 80.000 menús para escolares en situación de vulnerabilidade en colaboración con Afundación.

Os últimos trimestres supuxeron tamén un forte impulso á dixitalización da actividade do banco. A 30 de setembro o banco rexistrou un incremento do 52,2% no número de transaccións dixitais e seguiu incrementando a súa produtividade por empregado. Adicionalmente, a especialización e a visión cliente-céntrica permitiron a captación de máis de 40.000 novos clientes desde xaneiro.

Durante os nove primeiros meses o negocio de medios de pago tamén experimentou un avance diferencial. Só en España, ABANCA rexistrou un incremento do 12,4% no parque de tarxetas de crédito e o 22,2% no de TPVs, cifras que se viron tamén apoiadas polo gran aumento do volume de operacións realizadas con tarxetas e TPVs de ABANCA.

Foco nos ingresos recorrentes e as provisións

Ao peche do terceiro trimestre, a conta de resultados do banco mostra un sólido crecemento das partidas recorrentes, núcleo da súa capacidade de xeración de resultado.

A marxe de intereses creceu un 10,3%, mentres que os ingresos por prestación de servizos incrementáronse nun 19,1%, o que resulta nun crecemento do 12,5% da marxe básica. Pola súa banda, descontando o resultado de operacións financeiras, a marxe antes de provisións mellorou un 16,6%. O resultado atribuído situouse en 143,4 millóns de euros a pesar do efecto sobre a conta do reforzo de provisións.

Grazas ao crecemento dos ingresos e á efectividade no control de gastos, o cociente de eficiencia situouse no 59,0%. Para iso resultaron clave tanto a captura de sinerxías nas integracións como a redución dos custos ordinarios grazas aos proxectos de racionalización.

A entidade vén realizando nos últimos meses un decidido esforzo para reforzar a súa capacidade de resposta ante os efectos da crise do covid-19, o que se traduce na realización de dotacións de crédito por importe de 210,8 millóns de euros. Con iso, o custo do risco quedou situado no 0,63%. Desde o estalido da pandemia, ABANCA elevou a cobertura de créditos dubidosos en 446 puntos básicos até o 66,0%, unha das cifras máis elevadas do sistema, mentres que a taxa de morosidade seguiu reducíndose até o 2,6%, a mellor do sector financeiro español.

Máis de 93.000 millóns de volume de negocio

Froito do crecemento equilibrado do crédito e os recursos de clientes, o volume de negocio rexistrou un incremento do 5,7% en termos interanuais, até situarse en 89.583 millóns de euros. Se se inclúe neste capítulo a achega correspondente á adquisición de Bankoa, o grupo ABANCA alcanza un volume de negocio de máis de 93.000 millóns de euros.

O crédito normal a clientes aumentou un 7,6% até os 38.503 millóns de euros. O núcleo da carteira está composto polas partidas correspondentes a financiamento a familias e empresas, que supoñen o 45% e o 38% do total, respectivamente.

ABANCA xestiona xa un total de 50.266 millóns de euros en recursos de clientes, capítulo que experimentou un crecemento do 4,9% desde setembro de 2019. No mesmo período, os depósitos de clientes rexistraron un incremento do 7,3% até quedar situados en 40.812 millóns de euros.

A comercialización de seguros e produtos fóra de balance, esenciais na estratexia de diversificación de ingresos da entidade, mantén o seu dinamismo. As primas de seguros xerais e vida risco creceron un 7,0% interanual. Destaca o comportamento da nova produción de seguros de pagos protexidos, cun crecemento do 17%, os seguros de decesos, que aumentaron un 12%, a seguros vida risco, que o fixeron nun 8%, e os seguros de autos, tamén cun 5%.

Pola súa banda, os recursos fóra de balance aumentaron un 5,8% entre marzo e setembro. Como fito destacado no último trimestre, ABANCA logrou un 7% das subscricións netas de fondos de investimento do mercado. Esta boa evolución tradúcese nun novo incremento das cotas de mercado, tanto en fondos de investimento (16 puntos básicos) como en plans de pensións (12 p.b.) e en seguros vida aforro (7 p.b.).

Á cabeza do sector en calidade do activo

ABANCA continúa como primeira entidade do sistema financeiro español por calidade de activos. Tras un novo descenso no volume de saldos dubidosos (-17,4% interanual), a taxa de morosidade quedou situada a 30 de setembro no 2,6%, en liña coa media europea e amplamente por baixo da española.

Esta boa calidade dos activos pódese observar en cada unha das liñas de negocio da entidade. No referente ao crédito con pemes e empresas, ABANCA presenta unha ampla diversificación por sectores de actividade económica e mostra unha menor exposición a aqueles máis vulnerables aos efectos da pandemia covid-19. A este feito súmase a maior resiliencia da economía galega, algo que tamén contribúe de forma positiva á solidez e calidade do negocio da entidade.

Desde o estalido da pandemia, ABANCA prestou apoio ao 17% da súa carteira de crédito con particulares e empresas, reforzando así a capacidade financeira daqueles clientes máis expostos ante a difícil contorna económica actual. Un 28,8% do negocio de ABANCA con PEMES e empresas, é dicir, créditos por valor de 4.560 millóns de euros, beneficiáronse destas garantías públicas para asegurar a súa estabilidade. En canto a familias, un 5,5% do total da carteira hipotecaria de ABANCA beneficiouse das facilidades financeiras implantadas.

ABANCA é a entidade española con maior nivel de cobertura de activos improductivos, cunha taxa de cobertura total do 64,0%. A taxa de cobertura da morosidade está situada no 66,0%, mentres que a cobertura de adxudicados é do 61,2%. O cociente Texas (activos improductivos sobre coberturas máis capital) da entidade situouse no 31,0% a peche de setembro.

Liquidez e capitalización

En materia de solvencia, a entidade complementa o reforzo do seu capital a través da xeración orgánica coas emisións de débeda computable levadas a cabo dentro do seu Plan Estratéxico. A peche de setembro o capital total quedou situado no 16,3%. Esta posición supón 407 p.b. (1.214 millóns) por encima do nivel esixido. O cociente de capital de máxima calidade, CET1, elevouse até o 13,3%, cun exceso de 532 p.b. (1.587 millóns de euros) sobre os requisitos.

A aplicación dunha estrita política de prudencia e xestión enfocada á sostibilidade financeira a longo prazo reflíctese tamén en materia de liquidez. Cunha cómoda posición de liquidez baseada en depósitos minoristas, que supoñen o 73% da súa estrutura de financiamento, ABANCA presenta un cociente de créditos sobre depósitos minoristas (LTD minorista) do 96,3% e dispón de 16.238 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas (5.333 millóns) e activos líquidos (10.905 millóns). Con iso a entidade ten cubertos máis do triplo dos seus vencimientos previstos de emisións.

Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 134% e o 261%, niveis que acreditan o cumprimento dos requisitos regulatorios de Basilea III.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.