Agromuralla: “A última modificación da Lei da Cadea Alimentaria é unha oportunidade perdida para defender aos produtores”

A asociación de gandeiros considera que “a falta de vixiancia da Administración en relación ao cumprimento efectivo das súas propias normas deixa en papel mollado todos os cambios legais efectuados”

O Consello de Ministros aprobou este martes unha nova modificación na Ley da Cadea Alimentaria co obxectivo de adaptar a norma á directiva europea, unificando criterios no conxunto da UE, que sen embargo non cumpre as espectativas do propio sector.

Desde a asocaición de gandeiros e gandeiras galegos Agromuralla consideran esta nova modificación “unha oportunidade perdida máis para defender aos produtores e igualar forzas entre os distintos elos da cadea de produción, transformación e distribución de alimentos”.

“A parte básica e esencial nesa cadea, que somos os produtores primarios, seguimos totalmente desprotexidos e a Administración segue sen dar garantías legais efectivas para defender o noso traballo e a obtención dun salario digno para as persoas que nos adicamos a producir os alimentos cos que dar de comer ao conxunto da poboación”.

A Ley da Cadea Alimentaria foi aprobada no ano 2013, “sen que desde entón cumprira co seu obxectivo de aportar transparencia e xustiza na fixación de prezos no campo”, considera Agromuralla, que esixe tanto ao Ministerio como ás comunidades autónomas “que fagan cumprir as leis que aproban”.

Segunda modificación infructuosa neste ano

É a segunda vez que se modifica a normativa no que vai de 2020, lembra Agromuralla, dado que no mes de febreiro, xusto antes do primeiro confinamento decretado pola covid-19 e tralas protestas de agricultores e gandeiros en distintos puntos de España, o Ministerio prohibía mediante un decreto a venda a pérdidas, establecendo que a fixación de prezos debe ter en conta os custos de produción.

Sen embargo, asegura a asociación de gandeiros e gandeiras galegas, “a falta de vixiancia por parte da propia Administración sobre o cumprimento das súas propias normas fixo que lonxe de axudar, este cambio do mes de febreiro prexudicara aos produtores, xa que provocou unha modificación xeralizada de contratos por parte das industrias lácteas nos meses da primavera e o verán trasladando a responsabilidade do cumprimento das cláusulas sobre custos de produción aos propios gandeiros”.

Desde Agromuralla vólvese esixir ao Ministerio “que estableza, con carácter obxectivo, a través dun índice público variable e actualizado, cales son os custos de produción reais dos distintos alimentos, en concreto do leite de vacún, nas distintas comunidades autónomas, tendo en conta as súas características e a evolución de distintos factores, como o encarecemento de insumos que se está a producir neste momento en produtos como o penso ou os cereais, para que sexa tido en conta na fixación de prezos mínimos nos contratos entre produtores e industrias”.

Posición de poder das industrias e a distribución

Para Agromuralla, “malia as distintas aprobacións normativas efectuadas, séguese mantendo e fomentando a posición de poder das industrias e a distribución, trasladando aos produtores a responsabilidade de reducir os seus custos de produción para poder cumprir a Ley sen incrementos no prezo so leite”.

“Unha vez máis, como xa aconteceu na primavera, no sector produtor seguimos traballando para alimentar á poboación neste momento de dificultades no ámbito da saúde e a economía pero, máis aló das boas palabras e agradecementos por esta labor que levamos a cabo, non se implementou ningunha mellora efectiva e os gandeiros seguimos arrastrando os mesmos problemas endémicos de sempre”, asegura Roberto López, presidente de Agromuralla.

Frear a importación de leite a baixo prezo

A unificación de criterios no conxunto da UE debería servir, subliña Agromuralla, “para evitar a entrada de leite de fóra a baixo prezo, principalmente procedente de países como Francia e Portugal, que acaban por desestabilizar o mercado español e por presionar á baixa os prezos en orixe en comunidades como Galicia”.

“A partir de agora, a chegada de cisternas de leite con excedentes doutros países a prezos por baixo dos custos de produción non debería ser legal, algo que estamos acostumados a que aconteza con demasiada frecuencia, mesmo nos meses de confinamento en plena pandemia, e esiximos ao Ministerio que, en base á Ley que o propio Goberno vén de aprobar esta semana, non volva permitilo”, demanda a asociación de gandeiros e gandeiras galegas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.