Anunciadas 50 vivendas de protección oficial para Xuxán

Rey: “A posta en marcha desta futura promoción supón para A Coruña un impulso á política de vivenda, dando resposta a un compromiso coa cidadanía”

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe o proxecto gañador para a construción das 50 vivendas de protección oficial (VPO) no barrio de Xuxán, antigo Ofimático, localizadas na parcela Z-37. A empresa adxudicataria é o estudio ARA Arquitectos, dirixido por Álvaro Romero Gil-Delgado.

Rey asegurou que “o Concello acelera, deste xeito, a construción de vivendas de protección oficial tras 14 anos de parálise” e sinalou que “a posta en marcha desta futura promoción supón para A Coruña un impulso á política de vivenda, dando resposta a un compromiso coa cidadanía despois de 14 anos sen que se proxectara ningunha promoción pública de VPO no termo municipal”.

A intención do Goberno local é “recuperar o desenvolvemento” deste tipo de políticas para poder ofrecer vivendas públicas ás persoas traballadoras que agora están sendo moi afectadas pola dificultade de acceso a este dereito universal.

As 50 residencias, que tiñan como requisito cumprir cos estándares de sostenibilidade ambiental en edificacións BREEAM, disporán de 2 ou 3 dormitorios e darán a dúas rúas para favoreceren a ventilación cruzada. A maioría das vivendas contan con terraza e cada persoa propietaria contará con dous metros cadrados dun horto urbano que se habilitará na planta da cuberta. Ademais, haberá dous apartamentos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

O proxecto adxudicado conta tamén cun aparcadoiro para bicicletas, unha por vivenda, e cunha pequena praza axardinada. Aproveitando que a pegada do edificio non ocupa o total da parcela, decidiuse xerar unha zona verde na fachada para o goce das persoas inquilinas, en que se plantarán árbores e plantas autóctonas que serán regadas mediante un sistema de aproveitamento da auga da chuvia.

Nas Reservas Estratéxias do Solo desenvolveranse máis de 1.200 vivendas de protección pública. Neste senso, lembramos que en San Pedro de Visma poderíamos estar sobre as 900 vivendas protexidas das 3.500 proxectadas, e en Percebeiras unhas 148.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.