As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 25 % no terceiro trimestre do ano tras a paralización dos procesos pola COVID-19

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 1.500, fronte ás 1.199 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 25 %. No conxunto do Estado incrementaron un 16,6 %, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). As cifras correspondentes ao terceiro trimestre do ano mostran subidas interanuais en todas as formas de disolución matrimonial, xa que este período se sitúa xusto despois do segundo trimestre, o máis afectado polo confinamento, que provocou a suspensión dos prazos procesuais.
Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2020, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia se contabilizaron 5,6 demandas no período estudado, fronte ás 5,4 de media estatal. En comparación co segundo trimestre do ano, as demandas de ruptura aumentaron un 72 %, ao pasar de 872 a 1.500.
O estudo reflicte que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro na comunidade aumentaron tanto os divorcios consensuados (de 631 a 854, un 35,3 %) como os non consensuados (de 527 a 590, un 12 %). As separacións de mutuo acordo tamén subiron, pois pasaron de 30 en 2019 a 41 no mesmo período deste ano, do mesmo xeito que as non consensuadas, das que se rexistraron 15, fronte ás 11 de 2019. Neste período non houbo ningunha petición de nulidade matrimonial, do mesmo xeito que en 2019.
No terceiro trimestre de 2020 iniciáronse 154 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 41,3 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 350 a 420, un 20 % máis.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 317 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 177 do terceiro trimestre de 2019, o que supón un aumento do 79,1 %; e 334 demandas de modificación de medidas non consensuadas (281 o ano pasado), o que representa unha subida interanual do 18,9 %.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.