Bailando con lobos. Por @DulceCorcu

Un pode ter as mellores intencións, querer formar parte diso no que cre que cre, pero abonda unha espita aberta para que todo salte polos aires e, finalmente, todos acabemos amosando quen somos en realidade. Pasou este 25 de novembro, o Día Contra a Violencia de Xénero que onte tinguíuse de infamia coa morte de Maradona, non porque el morrese, senón polas reaccións dos lobos que bailan con nós pola mañá, que acoden ás concentracións e pintan as súas redes sociais de lila, de morado, de solidariedade e compromiso coas vítimas, para pola tarde converterse eles mesmos en cómplices do verdugo, en adoradores dun dios que quizais o fose na cancha, pero que fóra dela foi un auténtico demo que se merece algo, non son louvanzas nin recoñecementos públicos coma os que mesmo fixo a canle estatal, RTVE, que tiña prevista unha reportaxe sobre a trata en “Esclavas invisibles”, pero que foi eliminado da grella para render homenaxe ao astro do balón. Porque a pelota non se mancha, pero as vítimas sí.

Homes que se din “feministas”, encantados de destacar as cualidades balompédicas e as ideoloxías que se supón que tiña porque saía retratado con Fidel Castro ou Hugo Chávez. Fraga e Aznar tamén poden presumir desas fotos, por outra parte. Esa mesma mañá do 25N, a ministra de Igualdade Irene Montero, lía un comunicado de apoio ás vítimas no que acabou emocionada e ao borde das bágoas. Patética e feminazi foi do máis reproducible que podemos lembrar aquí do que lle foi dito, pero ningún presidente, nin político agás os do seu propio partido nin famoso de calquera outro ámbito, tivo palabras públicas para defendela do acoso e o machismo. Todos eles, sen embargo, choraban horas máis tarde sobre os restos dun tipo de quen vimos televisados o maltrato, o desprezo xeralizado cara calquera que non fose do seu gusto, o flirteo coa prostitución, a cosificación da muller e unhas adiccións das que fixo bandeira.

Se onte había un home ao que louvar, témolo ben preto: o doutor Javier Castrillo, Xefe do Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, que se enfronta á inhabilitación por querer que as mulleres poidan parir nas mellores condicións e garantías de saúde. Que fixo da nosa causa a súa propia e agora paga as consecuencias. A verdadeira implicación dos homes non existirá mentras vivan co mazo dando e a deus rogando. Solidarios pola mañá e absolutamente esquecidos pola tarde, incapaces de asumir que un maltratador non deixa de selo por ter unha habilidade na que destaque especialmente. Aínda que fose Maradona. Que mellor ocasión para que todo o traballo escolar dos mestres e mestras dun día coma o de onte, implicando aos cativos, non rematase sendo un día de infamia e lobos xa sen pel de cordeiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.