Batería de iniciativas para axudar aos establecementos comerciais de Marín durante o Nadal

Os concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña presidiron esta mañá a Mesa Local de Comercio, na que se afianzou a aposta do Goberno local pola iluminación de Nadal, así como outras campañas de dinamización,  que se presentarán proximamente

O apoio á economía local é fundamental de cara aos tempos de crise que están por vir, dada a situación sanitaria na que nos atopamos”. Hoxe, os concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña presidiron a Mesa Local de Comercio, na que participaron representantes do resto de forzas políticas da Corporación e das distintas asociacións comerciais.

Desde o Concello, trasladouse a intención do Goberno local de encarar o Nadal con diversas propostas e campañas que axuden á economía da vila a resistir nestes momentos tan complexos.

Por unha banda, xa está en marcha a elaboración dunha guía na que se inclúan todos os servizos de recollida en local e de levar a domicilio que están poñendo en marcha os locais de hostalaría da nosa vila para este mes no que teñen que estar coas portas pechadas ao público.

A través da web de Marín en Rede, poderá consultarse toda a información de xeito rápido para poder apoiar á nosa hostalaría facendo pedidos de comida para levar durante as próximas semanas. Tamén se repartirán carteis para que os comercios poidan mostrar esta información á veciñanza que acuda a realizar as súas compras.

No que respecta de xeito directo ao Nadal, o Concello reafirma a súa intención de apostar “por unha iluminación acorde a esta situación, que cre ese ambiente de Nadal que todos precisamos, tamén os nosos comercios”.

As luminarias acompañaranse, tal e como se expuxo na Mesa Local, de diferentes elementos fixos de decoración en espazos referentes do casco urbano e do rural: Alameda, Palco da Música, Parque Eguren, a Igrexa Vella, a Praza da Capirota, a Finca de Briz ou o Mercado de Seixo. Outra das opcións que se puxo sobre a mesa é a posibilidade de programar un fío musical, unha iniciativa que o Goberno local xa adiantou que se estudará.

Asemade, estase a traballar nas bases dun concurso no que involucrar á veciñanza para que decoren de xeito navideño os portais, os balcóns e as vivendas unifamiliares. Os premios, tal e como aconteceu no concurso fotográfico de Samaín, serán vales regalo para gastar nos comercios e locais da nosa vila adheridos á plataforma dixital Marín en Rede. Nos próximos días, publicarase máis información sobre as bases con todos os detalles concretos do concurso.

Acuña e Santos trasladaron tamén que o Goberno local está a piques de presentar unha campaña de cara ás datas centrais de Nadal que suporá unha incentivación directa do consumo.

A nivel audiovisual, estase a preparar unha peza que servirá para artellar a mensaxe máis importante que se pode dar a nivel local neste momentos: #ApoiemosONoso, unha mensaxe que xa se deu desde o primeiro momento no que se lanzou o proxecto de Marín en Rede, cofinanciado a través da EDUSI Marín 2020, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Máis alá do Nadal

O Concello tamén é consciente de que os meses que vaian máis alá da época de Nadal serán “moi duros”. Por iso, e despois da boa acollida que tivo o formato de feira Stock Marín, que se organizou con Estrela de Marín o pasado verán, o Concello propón que se faga unha feira similar de cara á primavera do 2021.

Por outra banda, a pasada semana o Concello puxo en marcha o expediente de contratación do Plan Reactiva Marín, que ofrecerá un servizo de formación e asesoramento a cerca de 30 negocios da vila que cumpran os requisitos do programa e que centrarán os contidos na mellora da imaxe de negocio, na adopción de aptitudes a nivel dixital e no manexo de diferentes ferramentas indispensables para ser competitivos no mercado actual.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.