Comezan as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que avanzan a bon ritmo e teñen unha duración prevista de seis meses

A Xunta de Galicia está a executar as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos, adxudicadas por preto de 200.000 euros cun prazo de execución de seis meses.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, estivo hoxe en Samos para comprobar a marcha dos traballos, que, segundo lembrou, teñen por obxecto solucionar as deficiencias que presenta o inmoble, recuperar o seu uso para o culto e mellorar a accesibilidade do adro.

As obras comezaron hai aproximadamente un mes e avanzan a bon ritmo. Neste momento xa está desmontada a estrutura da cuberta e esta semana está previsto comezar a instalar a nova. Ademais, xa se comezou cos labores de reconstrución dos paramentos da igrexa e coas tarefas de escavación e limpeza no exterior para pavimentar o adro e para facer unha drenaxe perimetral.

Arias salientou que desde a Xunta “estamos a redobrar esforzos para amosar a nosa mellor imaxe de cara ao vindeiro Xacobeo, coa confianza de que supoña un importante pulo económico para a provincia de Lugo e para o resto da Comunidade”.

As obras proxectadas inclúen a consolidación das fábricas, tanto de muros como de arcos, para desolverlles unha correcta funcionalidade estrutural; a execución unha nova cuberta, conservando a tipoloxía estrutural e os materiais autóctonos; e a realización dunha drenaxe tanto perimetral como no interior do edificio, co fin de illar o pavimento do interior das humidades do terreo.

Así mesmo, está previsto efectuar unha revocadura con morteiro de cal das paredes, tanto no interior como no exterior; acometer unha nova instalación eléctrica e de iluminación; levar a cabo a restauración do campanario e os sinos e acondicionar o acceso a través do adro.

A igrexa de San Martiño de Lousada é un ben catalogado protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais de 1991. A intervención enmárcase nun convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e a Diocese de Lugo para executar obras de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa samonense, no seo do Camiño Francés.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.