Deputación A Coruña aproba o Plan Único “máis social” para facer fronte as consecuencias da pandemia en 2021

González Formoso destaca que o Plan Único contribuirá á reactivación social e económica da provincia “sen deixar a ninguén atrás”

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todas as forzas políticas o Plan Único 2021, cun orzamento inicial que pasa dos 47,2 aos 64,6 millóns de euros e que contará con importantes novidades como a incorporación dunha partida especial de 14 millóns de euros destinados exclusivamente a atender os gastos sociais extraordinarios dos concellos derivados da pandemia da covid-19.

O presidente Valentín González Formoso, destacou que o Plan Único, o maior programa de investimentos e apoio aos concellos das deputacións galegas e un dos maiores de España, “crece un 37% e adáptase á difícil situación que atravesamos para impulsar a reactivación social e económica nos concellos coruñeses en 2021”.

“Vimos de aprobar o orzamento máis social da historia desta Deputación e o Plan Único non é unha excepción”, afirmou González  Formoso, que subliñou que “14 millóns de euros do plan se destinarán a gasto social para atender aos colectivos que máis o necesitan e non deixar a ninguén atrás na saída da crise”.

Os fondos restantes, informou Formoso, “destinaranse a investimentos que axudan a reactivar a economía, crean emprego e melloran os servizos e infraestruturas dos 93 concellos da provincia da Coruña”.

Neste sentido, o presidente lembrou que, desde a súa creación hai tres anos, o Plan Único financiou 2.257 obras na provincia, contribuíu a sanear as economías dos concellos, reducindo a débeda en máis de 11 millóns de euros e converteuse nunha ferramenta imprescindible para o mantemento dos servizos básicos municipais.

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Plans da Deputación destacou no pleno que é “unha moi boa noticia para os concellos que unha administración pública supramunicipal lle poda adiantar que transferencias mínimas se lles vai facer durante o 2021, algo fundamental para que podan planificar, organizar e aprobar os seus orzamentos”.

Ademais, Xosé Regueira, valorou que, nun ano especial como o 2021 en que se precisará un grande esforzo das administracións para contribuír á saída da crise provocada pola pandemia, a Deputación da Coruña responde ás urxencias cun “plan que medra 22 millóns de euros e ademais, ten en conta a situación económica e social extraordinaria que van ter os concellos polo que leva incluído un total de 14 millóns de euros en gastos sociais, no coñecido como POS Social”. Por outra parte, neste novo Plan Único adaptado ás circunstancias que vivimos, “redúcese á mínima expresión os fondos de préstamo, para evitar que os concellos se endebeden e increméntase, pola contra, a partida de investimentos e gasto corrente”.

“Estamos, polo tanto, diante dun Plan Único máis cuantioso para un momento difícil, o que é unha boa noticia non só para os concellos que van poder planificar os seus orzamentos municipais senón tamén para os sectores económicos da provincia que van ver como a Deputación da Coruña sigue facilitando capacidade de investimento na zona e tamén liquidez para pagar aos provedores que traballan coas administracións locais”, explicou Xosé Regueira no pleno.

Nas bases aprobadas hoxe, especifícase que estes 14 millóns para gastos sociais do Plan Único 2021 poderán destinarse por parte dos concellos a cuestións como o reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de  axudas para a cobertura de necesidades básicas como vivenda, alimentación, gastos médicos ou farmaceúticos dos colectivos máis vulnerables, axudas para gastos de escolarización de familias con baixos recursos, etc.

Aprobado o Orzamento 2021

O pleno aprobou tamén cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular o orzamento da Deputación para 2021, que ascende a 184,5 millóns de euros, un 0,26% máis que o presente ano.

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, explicou que o orzamento presenta un importante incremento no eido social, pasando de 11,8 a 27,4 millóns de euros (+137%) para atender aos colectivos máis vulnerables afectados pola pandemia da Covid19.  Con estes fondos, a Deputación financia importantes programas como o de servizos sociais comunitarios, que permite a contratación de 300 profesionais dos servizos sociais e asistencia no fogar nos concellos coruñeses ou o servizo de Teleasistencia, que presta servizo a máis de 2.700 personas maiores en 89 concellos.

En materia de Emprego, o PEL incrementa tamén os seus fondos nun 76%, pasando de 9,1 a 16 millóns de euros e incorporando novos programas coma o PEL-Cidades (3 millóns de euros) para apoiar os plans de axuda á hostelería e pequeno comercio da Coruña, Santiago e Ferrol.

O portavoz da Marea Atlántica, Alberto Lema, criticou “a baixa execución dalgúns programas, principalmente en Vías e Obras” e presentou unha emenda, que foi rexeitada polo pleno, para detraer un 1 millón de euros dos investimentos programados nesta área e destinalo a cuestións como o aumento das bolsas de estudos, a creación dun programa de compra de maquinaria agrícola dentro do PEL ou o estudo da demarcación do Camiño dos Faros.

“Incorporaremos as súas suxerencias, pero non baixando o investimento en seguridade das estradas, que é unha competencia propia da Deputación para asumir outras impropias”, afirmou Leira, que destacou que o Goberno provincial xa incrementou a dotación das bolsas de estudos e permite investimentos no rural a través do PEL ou do Plan Único.

Ángel García Seoane, portavoz de Alternativa dos Veciños, anunciou o seu voto favorable ás contas provinciais e mostrouse “en contra das dádivas e a favor de promover o emprego con obras e servizos e de axudar ás persoas que o están pasando mal”. “Sempre demandei que a Deputación aborde as súas competencias. Estou a favor de aumentar o investimento en estradas”, apuntou.

María Muíño, voceira do BNG,  destacou que a aprobación dos orzamentos “responde ás demandas da cidadanía e dos concellos, pois destina 120 millóns directamente aos concellos e permítelles planificar as súas actuacións desde o inicio do ano”.

Evaristo Ben, portavoz do Partido Popular, agredeceu “a disposición ao diálogo” do Goberno provincial para recoller algunhas das propostas do seu grupo como o apoio a entidades benéfico-sociais, o incremento do gasto social e do investimento en Vías e Obras.

Ben pediu ao presidente que “escoite a todos os grupos sen excecpión” e comprometeuse a “traballar para aportar, co fin de que as nosas propostas fagan un pouco mellor a vida dos cidadáns da provincia”.

Bernardo Fernández, portavoz do PSOE tamén destacou “o afán de diálogo do Goberno provincial” para recoller as propostas dos diferentes grupos políticos e gabou a “responsabilidade” dos diferentes grupos para sacar adiante o orzamento.

Finalmente, o presidente, Valentín González Formoso, agradeceu tamén o “tono constructivo” do debate para aprobar os orzamentos, “un instrumento fundamental para reactivar a economía e apoiar aos que máis o necesitan”, apuntou.

Declaracións institucionais e mocións

No pleno aprobáronse tamén dúas declaracións institucionais, unha, presentada pola conmemoración do 25N, na que a Deputación da Coruña se compromete na loita contra a violencia machista e outra na que se aproba incrementar as axudas ao banco de alimentos para garantir a atención de todas as persoas que o necesiten. A moción de apoio ao pobo saharauí contou tamén co voto maioritario da cámara mentres que foi rexeitada a que reclamaba a posta en marcha dun plan extraordinario de mellora e conservación das estradas provinciais.

Por outra parte, segundo decidiu o pleno por unanimidade,  a Deputación da Coruña adheridase ao grupo de traballo creado a instancias do Parlamento galego para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo que se atopan no Pazo de Meirás.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.