Deputación A Coruña inicia unha colaboración con Turespaña para promocionar en Londres o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía

Os contactos iniciáronse onte na última xornada da World Travel Market Londres 2020

A Deputación da Coruña iniciou unha colaboracilón con Turespaña para realizar unha serie de accións de promoción turística en Londres do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra – Muxía.

No encontro, que tivo lugar onte na última xornada da World Travel Market Londres 2020, participou o deputado provincial Antonio Leira, o xefe de relacións de viaxe de negocio da Oficina Española de Turismo (OET) de Turespaña en Londres, Agustín García; as técnicas de Turismo da Deputación da Coruña, Mayte Loureiro e Paula Cabado; e a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García.

Esta colaboración concretarase na futura realización de viaxes de familiarización con axencias de viaxe británicas na provincia. “O obxectivo é traer ás diferentes entidades coas que xa colabora a Deputación en Inglaterra (universidades, asociacións, xestoras de turismo…) para mostrarlles o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía”, destacou Antonio Leira.

Ademais, tamén se acordou solicitar a Turismo de Galicia que inclúan estes dous itinerarios no Fam Trip que pretenden realizar no ano 2021 xunto coa OET de Londres e que nun primeiro momento estaba previsto que só se levase a cabo pola Costa da Morte.

WTM Londres 2020

A Deputación da Coruña participou na edición virtual da WTM Londres 2020. É a primeira vez desde 1980 que a Feira non se celebra de forma presencial. Nesta ocasión, ofreceuse un amplo programa de conferencias e encontros de negocios coa participación de  profesionais de todo o mundo.

A WTM 2020 centrouse en axudar á recuperación e reconstrución da  industria de viaxes, fortemente afectada polas consecuencias da pandemia e as restricións de movementos.

Desde o 9 ao 11 de novembro, a Deputación levou a cabo un total de 20 reunións con empresas, asociacións e institucións turísticas co obxectivo de dar a coñecer os recursos turísticos da provincia da Coruña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.