Deputación de Lugo pon en valor o mel e o traballo dos produtores coa mellora e reforma do Centro de Apicultura de Teixeiro

A Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde para acometer neste edificio da institución provincial unhas obras por importe de case 32.000€ que servirán para potenciar e ampliar o uso das instalacións, xestionadas coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA)

A voceira socialista da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou este venres de que a institución impulsa un proxecto para a mellora e reforma do Centro de Apicultura de Teixeiro co fin de potenciar e ampliar o uso destas instalacións de titularidade provincial, xestionadas coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA). Así o avanzou tras aprobar hoxe a Xunta de Goberno o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo, o que permitirá iniciar de inmediato as obras de acondicionamento do centro, que contan cun investimento de case 31.400€ e un prazo de execución de dous meses.

García Porto subliñou que “dende a Deputación coñecemos as posibilidades e o potencial de desenvolvemento social e económico da nosa provincia, e así o amosamos con diferentes proxectos que levamos adiante para aproveitar esas oportunidades. Neste sentido, un dos sectores máis importantes cos que contamos en Lugo é o primario, o da agroalimentación, e, concretamente, o da apicultura”.

Neste senso, a voceira socialista destacou que coa mellora e reforma do Centro de Apicultura de Teixeiro “poñemos en valor a nosa materia prima e un produto autóctono de primeira calidade como o mel, traballado polos milleiros de produtores da provincia, ao tempo que renovamos as instalacións dun edificio público de titularidade provincial”.

As obras

Os traballos financiados pola Deputación consistirán na reparación da cuberta do edificio co selado, a substitución e a reparación das pezas deterioradas. Tamén se renovará o alumeado e pulirase e abrillantarase o pavimento, que é de terrado. En canto aos paramentos, repintarase toda a zona exterior e realizaranse melloras puntuais de carpintería exterior.

Ademais, instalarase un aseo adaptado para o seu uso polos usuarios e usuarias da aula existente, que estará situado nun local contiguo á mesma. Este aseo terá acceso dende a aula e contará cunha ducha, inodoro e lavabo adaptados, cos correspondentes accesorios.

Así mesmo, os dous baños existentes adaptaranse para habilitar no seu lugar un vestiario cun compartimento para os garda roupas e os bancos e outro, para a ducha, o inodoro e o lavabo. Por outra banda, a zona de lavado que actualmente se atopa no distribuidor será demolida. No que se refire ao sistema de depuración, instalarase un compacto fosa-filtro en substitución da fosa existente, e renovarase o sistema de drenaxe actual mediante a instalación de tubos de formigón.

As obras inclúen a reposición de pintura no peche do recinto, onde se localizan as colmeas, e a instalación dunha malla de ocultación para que as abellas saian do recinto a unha altura suficiente que non interfira na actividade dos usuarios e usuarias que estean traballando. Finalmente, dotarase ao recinto de novas sinais indicativas de perigo de abellas e un cartel informativo no interior da parcela.

A voceira socialista do Goberno incidiu en que con todas estas actuacións a Deputación busca poñer en valor o Centro de Apicultura de Teixeiro e potenciar as actividades que se viñan desenvolvendo, coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores. “Ata a achegada da crise sanitaria provocada pola Covid-19, no centro celebrábanse obradoiros de formación, charlas, coloquios e máis actividades relacionadas co mel para todos os veciños e veciñas interesados. Ademais de producirse mel nas 25 colmeas coas que conta o recinto”, afirmou Pilar García Porto.

Conservación do azud do Mazo de Santa Comba

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ao Plan de Seguridade e Saúde no traballo para o proxecto de rehabilitación do azud-presa de derivación do Mazo de Santa Comba, situado ao carón do río Chamoso, no Corgo. García Porto informou que trala avaliación do servizo provincial de Medio Ambiente, detectouse a necesidade de executar traballos de conservación da presa, que contan cun orzamento de 25.000€.

63.000€ para o tecido empresarial

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou destinar á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) unha axuda de 63.000€ para desenvolver o programa Reinicia-T. García Porto explicou que “esta colaboración coa CEL é un exemplo de cooperación co tecido produtivo da provincia por parte da Deputación, especialmente neste momento en que é preciso que todos cooperemos dende as nosas respectivas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posible un panorama complexo”.

O programa Reinicia-T inclúe diversas accións, como a edición dunha guía práctica para axudar a empresas e traballadores a afrontar e previr a COVID e a organización dunhas xornadas sobre prevención por toda a provincia. Así mesmo, grazas a esta achega da Deputación recupérase a publicación Lugo en cifras, que recompilará os datos estatísticos de maior interese da provincia, tales como indicadores demográficos, sociolaborais, económicos, de empresas, sectoriais, enerxéticos, de exportación ou de uso das Tecnoloxías da Comunicación e da Información.

Esta recompilación de datos, asegurou García Porto, “resulta de gran interese porque permite observar graficamente a realidade da provincia ano a ano, converténdose nunha ferramenta útil para investigadores, asesorías, técnicos de emprego e, por suposto, empresas”.

Por último, co programa Reinicia-T a CEL ofrecerá  asesoramento e difusión de licitacións públicas, permitindo ao tecido empresarial da provincia presentarse aos procesos que lles resulten de interese, afondar neles e especializarse en concorrer a concursos públicos, non só a nivel local.

Esta achega súmase a outros 60.000€ que a Deputación aporta á entidade para os gastos xerais de funcionamento, así como de persoal desta entidade.

Renovación de equipamento informático da Deputación

Por outro lado, aprobouse a adxudicación do contrato para o subministro de equipamento e material informático da Deputación. Son 95.000€ para a renovación dos equipos informáticos das diferentes dependencias da institución, como ordenadores de mesa, portátiles, teclados, así como discos duros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.