Elas Son Artistas despídese ata 2021 con música e pintura

Elas Son Artistas pon fin a súa terceira edición no Concello de Carral cun Obradoiro de pintura mural impartido pola Cooperativa 7H (xa completo) e a actuación de Lau o domingo ás 18.00 horas na zona da piscina municipal

Terminar unha edición é difícil. Pero terminar unha edición de Elas Son Artistas como a deste ano é deixar atrás moitas emocións, a calidez e o agarimo de cada Concello, de cada artista de cada técnico, de cada apoio de patrocinio, público e privado, provedores, medios de comunicación, de cada sorriso baixo a máscara… pero tamén os quebradizos de cabeza que nos levou a  reprogramar o festival en dúas ocasións para terminar converténdoo nun Ciclo Metropolitano con eventos de xullo a decembro.
Hai unhas semanas recibimos con tristeza, pero sen sorpresa, as novas restricións sanitarias -aínda vixentes- que obrigaban ao peche de locais de lecer nocturno e por conseguinte, ás salas de concertos. Unhas restricións que se foron endurecendo e que nos obrigou xa non só a mover de data e de localización algún dos eventos previstos, senón tamén a cancelar os concertos de Carmen Boza na sala Garufa e o de Mourn e Grises na Sala Mardi Gras.

Cada ano, convidamos a centos de persoas a gozar do espírito de Elas Son Artistas nos concellos da área metropolitana da Coruña nos que programamos música, pintura, poesía, teatro…, e  calquera que se pasou por eles sabe que outra das claves deste ciclo tamén implica proximidade. Concellos que se transforman, crean e acollen todo tipo de manifestación artística durante o evento.

Elas Son Artistas é máis que un ciclo ou un festivalé unha unha reivindicación pola igualdade e unha homenaxe á muller creadora. E aínda que este ano o contexto nos impediu vivir certos momentos, como a xornada profesional no Pazo de Mariñán, tamén nos regalou outros que nos vai a custar moito esquecer.

As empresas que formamos parte deste proxecto tivemos que reaprender, adaptarnos nestes tempos imprevistos, estraños e moi difíciles. Planificamos eventos seguros, repensando formatos e aproveitamos a oportunidade para iniciar novas formas de organización. Preparándonos así para apostar por un futuro no que poidamos levar o Elas Son Artistas a outras persoas e a outros lugares de Galicia.

Foto: Cris Andina

Ese é só un dos desexos que queremos cumprir no 2021, unha edición, na que sigades connosco, pisando todos e cada un dos eventos repartidos ao longo do ano pola área metropolitana da Coruña.

E se te estás a preguntar se xa temos actuacións programadas para o ano, a resposta é: si, por suposto! A cultura é segura e, ademais, precisámola máis que nunca. Rematemos esta edición no concello de Carral que se sumou este 2020 por primeira vez, e comecemos axiña a falar do futuro.

Grazas por acompañarnos e por saber transmitir o que supón este proxecto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.