Estou feito un chaval

No país máis poderoso do mundo, o que acumula talento dende temprana idade en innumerábeis ámbitos, non deron sen embargo atopado un candidato presidencial que non estivese ás portas da senectude. Nin Donald Trump nin Joe Biden destacan por ter por diante un extenso futuro, porque con setenta e catro e setenta e sete anos respectivamente, e aínda que pensen que están como chavales, o paso do tempo vai facendo inexorablemente o seu traballo de desgaste anatómico e mental.
Sen coñecer arestora o nome do presidente electo, tras dous días de reconto nun país berce da tecnoloxía, pero onde seguen contando cos dedos, os dous candidatos apuran as súas opcións con elocuentes comparecencias ou incendiarias mensaxes nas redes sociais. Cunha participación desorbitada para o que era habitual, dá a impresión de que a mobilización dos máis escépticos foi únicamente ca fin de sacar a Trump da Casa Blanca. Fartos quizais non só das súas políticas, senón tamén dos ridículos mundiais dunha histriónica figura que aínda moitos non se explican como puido chegar a presidir Estados Unidos. Biden sairá beneficiado dese voto, pero non porque cree unha gran ilusión nese electorado ávido de desfacerse do actual presidente, máis ben non desperta nin frío nin calor, alonxado do carisma e presenza do Bernie Sanders que quedou polo camiño, un chisco máis vello que os outros dous pero carismático e cercano, incluso un deses demócratas que se podería chamar de esquerdas, nunha sociedade onde xa ao propio Biden hai quen o acusa de ser socialcomunista por diferenciarse de Trump en quítame aí uns aranceis.
En cada comparecencia, dous anciáns que case nos lembran ao noso Fraga, eternamente incombustibles porque o poder vicia máis que calquera droga. Capaces de morrer coas botas postas con tal de non soltalo e deixar paso ás novas xeracións. Trump e Biden encarnan o decrépita e desilusionante que pode ser a política, cun aínda presidente machista, racista e firme defensor do capitalismo salvaxe, e co aspirante protagonizando vídeos que rozan a pedofilia e unhas políticas que en pouco enmendarán ás actuais, basadas igualmente na riqueza dos que xa son ricos porque para algo eles mesmos son, tamén, millonarios. O circo electoral continúa, co resto do mundo de improvisados espectadores porque, despois de todo, somos parte interesada que acabaremos sufrindo o que alí decidan dun xeito ou outro. Norteamérica é coma o tabaco para o Terito de «Fariña»: cousa de vellos.