FEGADACE e a Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Odontoloxía da USC organizan o Simposio ‘Saúde Oral e Dano Cerebral Adquirido’

Retransmitirase en streaming nas tardes do 23 e do 25 de novembro. Falarase de prevención, diagnóstico e tratamento, cunha sesión centrada na disfaxia

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais (UPNE) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciaron o ano pasado, trala concesión a esta última do 7º Premio FEGADACE – Miguel Blanco, unha frutífera colaboración que achega este mes de novembro un novo resultado.

Ambas entidades organizan o Simposio ‘Saúde Oral e Dano Cerebral Adquirido’ os días 23 e 25 de novembro. Pese á previsión inicial de organizar un encontro presencial, a situación sanitaria fixo reformulalo e organizalo nun soporte online, que ocupará as tardes, de 16:30 a 18:30, das devanditas xornadas. A inscrición está aberta e formalízase nesta ligazón: Simposio Saúde Oral e Dano Cerebral.

Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais nace co obxectivo de derrubar as barreiras que as persoas con discapacidade afrontan para garantir o seu dereito á saúde oral. Hai múltiples obstáculos relacionados coa caracterización da súa discapacidade que dificultan que as persoas con dano cerebral accedan plenamente a unha correcta hixiene bucodental; desde a falta de control da mobilidade (sexa no aspecto físico, motor; ou por falta de concentración, trastornos condutuais, etc.) ata as secuelas que lles son propias, como os problemas ao mastigar ou na deglución.

Esta circunstancia coincide de maneira complementaria co fin último de FEGADACE, que é garantir a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. Esta está directamente condicionada por unha correcta hixiene e saúde oral, que lles facilite non só a falta de doenzas na boca senón tamén os feitos de respirar, beber ou comer correctamente -con repercusións a nivel nutricional, de saúde xeral e, en última instancia, de autonomía e autoestima persoal.

Un programa dirixido a profesionais da atención ao dano cerebral

Cos obxectivos de incrementar o coñecemento mutuo e mellorar a capacitación de todos os equipos profesionais implicados na atención ao dano cerebral adquirido, mesmo desde antes de que se produza (no ámbito da prevención), FEGADACE e a UPNE organizan un Simposio no que se vai falar de Prevención, diagnóstico e tratamento da saúde oral no dano cerebral’ -primeira xornada- e, máis especificamente, de ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’ -na segunda xornada-.

Así, na tarde do día 23 contarase coa neuróloga do CHUS María Santamaría, para falar sobre a relación entre ‘Periodontite e risco de ictus’; cos odontólogos da UPNE Marcio Diniz e Javier Fernández Feijoo, que tratarán, respectivamente, os temas da ‘Prevención e Saúde oral’ e do ‘Tratamento Odontolóxico’; e coa foniatra do CHUVI Azucena Jover Llopis, que abordará o ‘Diagnóstico e valoración global foniátrica en persoas con dano cerebral’.

A segunda xornada, o día 25, será monográfica sobre ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’. O profesor da Universidade Pontificia de Salamanca e membro da Unidade de Disfaxia do Hospital Universitario da mesma cidade Jorge Chamorro Sánchez introducirá a ‘Abordaxe Integral da disfaxia en dano cerebral’. A continuación, a logopeda de Sarela Ruth González vai falar sobre ‘Manexo e Intervención da disfaxia en dano cerebral’, e, a continuación, a dietista nutricionista María Maceira presentará ‘Hábitos saudables e recomendacións nutricionais na persoa con disfaxia e dano cerebral’.

Ese mesmo día, presentado polo membro da UPNE Jacobo Limeres, estrearase un vídeo didáctico no que se presenta a relación entre a saúde oral e a calidade de vida en dano cerebral adquirido desde unha múltiple abordaxe de prevención, diagnóstico e tratamento, e que forma parte, como o Simposio, da serie de froitos da colaboración entre a Federación e a Unidade que se van ir presentando nas vindeiras semanas.

Esta serie de colaboracións enmárcase no proxecto ‘Dano cerebral adquirido: Promove, Entende, Actúa’, que conta co apoio da Consellería de Política Social a través da liña de subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.