González Formoso anuncia que a Deputación reforzará con 1 millón € o plan de apoio á hostalaría e o comercio de Santiago

Esta colaboración enmarcase dentro dun plan dirixido ás grandes cidades da provincia para o que o organismo provincial “mobilizará unha partida de 3 millóns de euros”

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago anunciaron hoxe unha colaboración pola que o ente provincial reforzará con 1.000.000 euros o plan de apoio á hostalaría e comercio que pretende lanzar de xeito inminente o Concello de Santiago. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, anunciárono esta mañá despois dunha reunión de traballo.

Esta colaboración enmárcase dentro dun plan dirixido ás grandes cidades da provincia para o que o organismo provincial “mobilizará unha partida de 3 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura e suplementar os programas municipais de apoio a autónomos e microempresas da Coruña, Ferrol e Santiago”, anunciou o presidente da Deputación .

Esta nova liña de 3 millóns de euros súamase aos 12,5 millóns do plan PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses, ten en marcha para apoiar aos pequenos negocios locais afectados pola Covid-19. Estes días, 88 municipios de menos de 50.000 habitantes están a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír estes fondos, con axudas que  oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros.

“A Deputación só ten competencia en concellos de menos de 50.000 habitantes pero a lei nos permite realizar actuacións excepcionais en materia de apoio a cidades e creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai a materializar coa Coruña, con Santiago e con Ferrol”, explicou González Formoso.

No caso de Santiago “habilitaremos unha partida de un millón de euros para complementar o plan de reactivación da hostalaría e do comercio que vai sacar o Concello nas próximas datas”, detallou González Formoso.

“Diante da situación de parálise económica xeral, máis acentuada en sectores concretos como a hostalaría, comercio e o turismo, todas as administracións debemos poñer o noso grao de area, aínda que non teñamos competencias na materia. Non debemos agocharnos e desde a Deputación queremos estar tamén a carón dos tres grandes concellos da provincia”, agregou.

Pola súa parte, Sánchez Bugallo explicou que “o noso obxectivo é realizar un plan de apoio á hostalería e o comercio que terá un orzamento total de 3 millóns de euros, dous millóns que sairán do remanente de tesourería do Concello e un millón aportado pola Deputación”.

O rexedor precisou que “unha parte moi importante sería con carácter inmediato para axudar a sufragar os gastos correntes e de financiamento de estas empresas, principalmente do sector da hostalaría pero tamén do comercio ou incluso o cultural. En segundo lugar, habilitaríamos outros programas máis profundos vinculados á renovación tecnolóxica, a adaptación ás novas condicións que implica esta crise sanitaria”.

Actuacións coordinadas entre administracións

González Formoso fixo un chamamento “á Xunta de Galicia para que as distintas liñas de axuda das administracións se fagan de xeito coordinado e evitar así solapamentos. Para iso solicitámoslle ao presidente que convoque ás diferentes entidades a un foro técnico para poñer en común todas as liñas e que teñan o efecto que buscamos”.

Baixada dos impostos por parte da Xunta

Tamén chamou á atención sobre a baixada de impostos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, solicitou ás entidades locais porque “unha boa parte das taxas que sufragan os cidadáns das vilas galegas teñen que ver cos recargos que a administración autonómica impón aos cidadáns de forma indirecta. Por exemplo, no recibo do lixo págase o chamado ‘Canon de Sogama’ que hai dous anos se subiu un 35% e, polo tanto, é susceptible de baixar ao igual que o da auga, o de saneamento ou outros que gravan a actividade habitual dos veciños e veciñas e negocios das  vilas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.