Gonzalo Caballero: «Temos que conseguir que Feijóo volva recuar na purga contra o xinecólogo de Verín”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladouse hoxe ata Verín para participar na concentración convocada para esixir a Feijóo que retire o expediente aberto ao xefe de Xinecoloxía do hospital da vila. Dende alí, recordou as manifestacións masivas de hai un ano para frear o peche do paridoiro e apelou a esa mesma mobilización para que a Xunta “volva recuar no intento de purga” de Javier Castrillo.

“Verín non se pechou hai un ano e non podemos asumir esta purga de Feijóo”, remarcou o líder do PSdeG, quen advertiu que “cando se fan represalias contra quen defende a sanidade pública, se fan contra cada un dos que a defendemos”. Por iso, incidiu en que Feijóo debera “desculparse, rexeitar o expediente e facer un monumento aos defensores da sanidade pública”.

Así pois, Gonzalo Caballero anunciou que o PSdeG manterá “toda a presión” en defensa da sanidade pública e contra o “expediente político” aberto ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, para o que fará comparecer a Feijóo para abordar esta cuestión no vindeiro pleno do Parlamento.

“Un ano despois de que o goberno galego tivera que recuar e recoñecer as súas mentiras e argumentos falaces sobre a perda de pericia dos xinecólogos dos paridoiros comarcais para recortar a sanidade pública, vemos a peor cara do Partido Popular e de Feijóo, tomando represalias contra un profesional da sanidade pública de longa traxectoria”, reprobou o máximo dirixente do socialismo galego, quen trasladou “todo o ánimo e todo o apoio” ao doutor Castrillo.

“LOITA CONTRA UNHA INXUSTIZA”

Pola súa banda, o xinecólogo xefe de Verín agradeceu o apoio recibido e a presenza de centos de persoas fronte ao hospital para “loitar contra unha inxustiza” que é o expediente incoado polo Sergas.

“Ese expediente non se fai por motivos dignos”, asegurou, consciente de que garda relación co feito de que ten sido unha das referencias na defensa “do paridoiro e do hospital de Verín e do medio rural”.

“Hai persoas que non aceptan que un sexa un estorbo nos seus proxectos e, despois dun ano rumiando a revancha, aparecen agora cun expediente que sacan da nada”, reprobou o doutor Castrillo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.