Impulso para mellorar a xestión de residuos en 19 concellos lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se concederon achegas para habilitar puntos limpos móbiles ou fomentar a compostaxe, entre outras medidas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia destina 457.000 euros a mellorar a xestión de residuos en 19 municipios lucenses, mediante achegas destinadas á habilitación de puntos limpos móbiles ou espazos de autorreparación, o fomento da compostaxe e a implantación da recollida separada da fracción orgánica.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que con este programa a Xunta favorece a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, co fin de avanzar no reto da sostibilidade ambiental.

Do montante total, 212.475 euros serán investidos en accións que posibiliten a compostaxe in situ dos biorresiduos, ben en proxectos domésticos nas vivendas que dispoñan de terreo para elo, ou ben en zonas postas a disposición polas entidades locais para o tratamento comunitario dos biorresiduos. Esta foi a medida máis demandada, que porán en marcha en concreto once concellos: A Pobra de Brollón, Friol, Foz, Viveiro, os de Guitiriz e Xermade en común, e tamén de forma conxunta os de Riotorto, A Pastoriza, Pol, Meira e Ribeira de Piquín.

Outros 168.500 euros servirán para habilitar puntos limpos móbiles nos municipios do Incio, O Vicedo, Sober, Ribas de Sil e Castro de Rei. Pode tratarse de remolques e contedores metálicos, camión con caixa e chasis, furgoneta adaptada e modelos similares, e deberán ter diferentes compartimentos para a recollida de residuos como aceites vexetais usados, téxtiles, restos voluminosos ou medicamentos, entre outros.

Reparar e intercambiar

Os concellos de Vilalba e Outeiro de Rei obteñen en total 59.600 euros para poñer a    disposición da cidadanía espazos municipais de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, …), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

Dentro destes espazos públicos pódense diferenciar tres tipos de actividades: autorreparación (nas especialidades que dispoña o servizo: electricidade, carpintaría, téxtil…), intercambio de obxectos e sensibilización ambiental. As axudas da Xunta están orientadas a financiar os custos de adecuación e equipamento dos locais.

Por último, o concello de Cospeito obtivo unha achega de 16.500 euros para a implantación da recollida separada da fracción orgánica. Esta acción pode involucrar aos fogares, comunidades de propietarios ou grandes produtores (como supermercados ou servizos de hostalería) e incluír iniciativas como a instalación de contedores para este tipo de residuos  -de cor marrón-, distribución de elementos como caldeiros ou bolsas compostables, ou  vehículos para a recollida separada destes elementos.

A situación extraordinaria provocada pola pandemia levou á Consellería a ampliar o prazo de execución e de xustificación das axudas ata o 30 de decembro, polo que moitos concellos están traballando neste último tramo do ano na incorporación destas medidas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.