Jorquera: “Estase a vulnerar o dereito da oposición a recibir información e desvíase a unha Comisión de Facenda”

O BNG manifesta a súa protesta por o Goberno local desviar á Comisión de Facenda os datos sobre a execución orzamentaria da Concellaría de Emprego

O grupo municipal do BNG manifestou a súa protesta pola decisión do Goberno Local de desviar á Comisión de Facenda a información sobre os datos de execución orzamentaria da Concellaría de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, até o momento en que foi cesada a súa anterior titular, Eva Martínez Acón.

Foi o concelleiro titular de Emprego, Jesús Celemín, o que se negou a informar á Comisión de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, reunida esta mañá, sobre os datos de execución da que agora é súa área. Fíxoo a pesar de que se convocara a Comisión con ese asunto na orde do día. Celemín indicou que a información se proporcionaría nunha Comisión de Facenda, sen data aínda de convocatoria.

“Manifestamos a nosa protesta porque a práctica habitual é que se informe da execución orzamentaria dunha Concellaría na súa comisión correspondente. Ademais, ese punto figuraba na orde do día, así que non ten ningunha xustificación que se desvíe o asunto á Comisión de Facenda”, afirma Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita.

“Estase a vulnerar o dereito da oposición ao acceso a información pública. Isto conculca tamén calquera principio de transparencia e de dación de contas por parte do Goberno Local”, considera Jorquera.

“A negativa a facilitar información á oposición no lugar onde corresponde é particularmente grave se temos en conta que os datos cuxo acceso se nos nega hoxe si lle foron fornecidos á prensa no marco dos conflitos internos que se viven no seo do PSOE coruñés e do Goberno Local”, argúe o voceiro nacionalista.

Para o portavoz do BNG, resulta obvio que “o Goberno Local optou pola estratexia de desprazar a cuestión á Comisión de Facenda para evitar que se reavivase a polémica arredor da crise que levou ao cesamento de Eva Martínez Acón como anterior titular de Emprego”. Acón estaba presente hoxe nesta comisión, mais non fai parte da de Facenda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.