Jorquera: “Inés Rey esquece a oposición na tramitación das mudanzas nas ordenanzas fiscais”

O Goberno Local xestionou con “improvisación”, “falta de planificación”, “atropelamento” e “ausencia de diálogo coa oposición” a tramitación das mudanzas nas ordenanzas fiscais, até o punto de os grupos municipais non teren tido acceso “a toda a documentación destes expedientes até onte a primeira hora da mañá”.

Esta é a razón aducida polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, para explicar por que a formación nacionalista se abstivo este xoves, no Pleno Extraordinario para a modificación das ordenanzas fiscais, na maioría dos puntos sometidos a votación.

“Non parece que este sexa o mellor xeito de propiciar a participación dos grupos municipais e o diálogo con eles para intentar consensuar as propostas. Por esa razón, e dado que estamos ante o trámite da aprobación inicial, anuncio que o BNG non vai a votar a favor da maioría das ordenanzas fiscais”, dixo Jorquera durante a súa intervención perante o Pleno.

O BNG concorda en liñas xerais coas mudanzas que se introducen neste paquete de medidas fiscais, mais opta pola abstención para deixar clara a súa oposición á forma de proceder do Goberno Local.

Unha forma de proceder atropelada que, por exemplo, pon en risco que as mudanzas das ordenanzas podan aprobarse definitivamente e entraren en vigor o 1 de xaneiro, como é legalmente preceptivo.

“Hai cousas que se poden pospor, mais os orzamentos e as ordenanzas fiscais, para que entren en vigor o 1 de xaneiro, hainos que comezar a preparar con moita antelación”, subliñou Jorquera.

A falta de planificación do Goberno Local exemplificouse na convocatoria con apenas 15 minutos de antelación da Xunta de Goberno Extraordinaria para a seguir convocar, con menos de 24 horas de intervalo en cada caso, primeiro Comisión de Facenda e logo Pleno Extraordinario, “sen que ademais algún grupo estivese tan sequera advertido destas previsións”.

Porén, a pesar de se abster na grande maioría das ordenanzas, o BNG si votou favorabelmente dúas mudanzas, as relativas ao incremento nun 100% das taxas que gravan a apertura dos salóns de xogo, casinos e bingos e a que ten a ver coa exención do imposto ás terrazas dos establecementos hosteleiros durante 2021.

Sobre o incremento do gravame municipal ao xogo, salientou Jorquera que esta medida figuraba no programa co que a formación nacionalista concorreu ás eleccións de maio de 2019 e que, alén diso, tamén aparecía nunha moción do Bloque aprobada en Pleno durante este mandato.

DEBATER A CEGAS

No comezo da súa intervención, Jorquera lamentou que a Corporación se vise obrigada “a debater a cegas” a modificación das ordenanzas. Referíase a que non é posíbel coñecer a repercusión do impacto que van ter nas finanzas municipais porque o Concello carece dunha previsión de gastos e ingresos en 2021 dada a decisión do Goberno Local, que o BNG non comparte, de prorrogar os orzamentos de 2020.

Debater a cegas tamén porque, salientou, a oposición non ten os datos actualizados da execución orzamentaria. E nese sentido destacou: “É lamentábel que se teña que declarar unha guerra no PSOE local para que teñamos que coñecer pola prensa que nunha área tan sensíbel como emprego e promoción económica, e máis coa que está caíndo, o grao de execución sexa de pouco máis do 15%”.

Ese debater a cegas tamén ten a ver, interpreta Jorquera, co agravamento da crise de goberno en María Pita, posta dramaticamente de relevo esta semana co cesamento da concelleira de Emprego e Promoción Económica, Eva Martínez Acón. “Para non debater a cegas tamén é desexábel facer as cousas en tempo e forma e non de xeito atropelado.

Quizá no último episodio do culebrón sudamericano no que se está convertendo este Concello teñamos a explicación deste proceder. Con tantas entradas e saídas, esta Corporación vai camiño de se converter nunha réplica do camarote dos irmáns Marx”, ironizou.

“Mais”, esclareceu, “non quero facer brincadeira dun asunto moi serio. Con tanta xente sofrindo é bochornoso que vostedes se tiren os trastos á cabeza con acusacións de non quereren pagar as cotas ao partido ou de que unha concelleira que cobra perto de 60.000 euros incorre en absentismo e deixación de funcións”.

E nese mesmo sentido lamentou Jorquera que o Goberno Local perda enerxías en leas internas no canto de dirixir todos os seus esforzos “a facer fronte á crise que estamos a vivir”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.