Luz verde ao convenio entre Concello A Coruña, Xunta e Adif para construír a Estación Intermodal

Na sesión de hoxe autorizouse o acordo para o desenvolvemento conxunto do Transporte metropolitano na cidade e na comarca

A Xunta de Goberno Local autorizou na sesión desta mañá o convenio marco que establece a colaboración entre o Concello, o Goberno autonómico, o Ministerio de Transportes e Adif para construír a Estación Intermodal da Coruña. O acordo recolle que o concello construirá os accesos á estación e un aparcadoiro para vehículos na estación de autobuses. Entre os traballos que asumirá o concello está a remodelación das avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, que inclúe a construción dunha pasarela, que nun principio será para as persoas viandantes e ciclistas, pero que o Goberno local non descarta que se destine para o tráfico de vehículos. Ademais, construirá o viario de conexión entre a avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que servirá para mellorar a conexión e accesibilidade entre as ditas avenidas e a nova estación. Para poder levar a cabo estas actuacións, o Goberno local realizou cambios no Plan xeral de ordenación municipal que aparecen tamén recollidos no convenio tras a súa aprobación polo Pleno.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor unha infraestrutura vital para a cidade que mellorará a mobilidade entre a cidade e a área metropolitana. Rey sinalou que, en apenas un ano, o Goberno local impulsou un proxecto que levaba anos paralizado e que agora comeza a verse a luz ao final do túnel.

Tamén se lle deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e outros concellos para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na Área de transporte metropolitano da Coruña e autorizará a súa subscrición. Aínda que non aparece recollido neste convenio, para o concello este acordo ampara a posibilidade legal de que os buses urbanos traspasen os límites do termo municipal da Coruña, tal e como aparecía recollido no convenio do 2010. O Goberno local incluirá nos orzamentos municipais a partida necesaria para facer fronte ás achegas anuais, que ascende a 8.248 euros.

Na proposta de acordo o concello demándalle á Consellería de Transporte que se comprometa a abrir un proceso que desemboque na posta en marcha dunha única autoridade do transporte na área metropolitana e a estableza novos mecanismo que faciliten un intercambio de información máis fluído entre Xunta e concellos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.