NAO publica Adeus e grazas, o DVD do seu concerto de despedida, o 7 de decembro

O deuvedé, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse NAO, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma

A lenda e referente ideolóxico do rock galego, NAO, celebra o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publicará o vindeiro 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Santiago de Compostela. Durante o concerto, unha cita ateigada de emoción e sorpresas, Jasper, Gus, Torroncho e Amós revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas.

O concerto de despedida resultou un acontemento moi destacado dentro da mundo da música galega tanto polo baleiro que NAO deixou nos palcos desde entón como pola extensa implicación de músicos na cita. No directo, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.

Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles.
O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlan poderase adquirir desde o luns 7 a través da páxina web por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do mércores 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras. Todas aquelas persoas que reservaran previamente o deuvedé recibirán o derradeiro traballo de NAO na súa casa o mesmo luns 7.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.