O BNG A Coruña alerta sobre deficiencias no servizo de limpeza viaria

O BNG alerta sobre “o deficiente cumprimento dos protocolos de saúde e hixiene no traballo por parte do servizo de limpeza viaria”

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, asina un rogo escrito ao Goberno Local -para a súa lectura no Pleno do vindeiro 3 de decembro- en relación ao deficiente cumprimento dos protocolos de saúde e hixiene no traballo por parte da concesionaria do servizo de limpeza viaria da Coruña, a UTE A Coruña Limpeza-FCC Medio Ambiente SAU-INGESER.

O voceiro nacionalista empraza o Goberno Local a que adopte as medidas precisas para obrigar a concesionaria deste servizo público a o prestar en condicións que garantan o estrito cumprimento dos protocolos de saúde e hixiene.

Escusamos subliñar que nas actuais condicións da pandemia tórnase máis necesario que nunca extremar o cumprimento dos protocolos, “máxime na prestación dun servizo tan delicado, no que atinxe a saúde e hixiene, como é o de limpeza viaria”, remarca Jorquera.

O BNG, resalta o seu portavoz, foi coñecendo “numerosas eivas” no desenvolvemento do seu labor por parte da concesionaria no que ten a ver co respecto das máis elementais medidas de hixiene.

“En moitas ocasións”, relata Jorquera, “a limpeza de camións e maquinaria realízase só con auga, cando antes se facía cunha mestura de auga e lixivia”.

O cumprimento das normas brilla tamén pola súa ausencia nas instalacións da concesionaria. “Na nave da empresa, os vestiarios e zonas de aseo ocupan un espazo moi reducido que dificulta o mantemento das distancias de seguridade e o mesmo acontece nas casetas”, indica Jorquera. E engade: “Unha das casetas, a situada na rúa Médico Durán, dispón de vestiarios mixtos e no de mulleres a falta de espazo fai que dous gardarroupas teñan que estar no corredor, fóra do vestiario”.

As eivas amoréanse e, segundo as informacións que foi reunindo o BNG, no servizo incórrese en prácticas tan desaconsellábeis como “a repartición de máscaras previamente manipuladas e sen estaren protexidas en bolsas de plástico individuais (circunstancia que provoca que moitas traballadoras e traballadores prefiran levar os seus propios protectores)”. De resto, non hai suficientes luvas e os baños non son convenientemente desinfectados, entre outras múltiples deficiencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.