O BNG pídelle ao Goberno local que negocie co estado a cesión ao Concello do antigo cárcere despois da rehabilitación

Antes de que se transfira a titularidade do antigo penal ao Concello, o Estado, titular dun edificio de alto valor arquitectónico e histórico, ten que garantir o seu correcto mantemento e emprender a súa rehabilitación

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no Pleno do vindeiro xoves 3 de decembro unha moción para que o Goberno Local negocie con Madrid a cesión ao Concello do antigo cárcere unha vez que este sexa rehabilitado polo seu actual titular, isto é, o Estado.

“Estamos a falar dun edificio de alto valor arquitectónico –o seu deseño radial sobre eixo panóptico responde ás concepcións disciplinarias do pensador inglés Jeremy Bentham- e histórico, intimamente vencellado á memoria democrática”, pois, subliña Jorquera na exposición de motivos desta iniciativa, “neste presidio estiveron recluídos centos de presos políticos durante a ditadura”.

“O cárcere ten que ser devolvido ao Concello da Coruña primeiro porque foi construído en terreos do municipio, cedidos a comezos do século XX ao naquela altura chamado Ministerio da Guerra, e segundo porque o actual titular, o Estado, teno totalmente abandonado, nun estado de ruína que mesmo ameaza a integridade física das persoas que, inconscientes desta circunstancia, se aventuran a acceder ao seu interior, previo salto dos seus muros”.

“O seu estado actual de grave deterioración”, argúe Jorquera, “pon en risco a pervivencia dun dos poucos exemplos de arquitectura penitenciaria panóptica que seguen en pé”, alén de ter un “impacto brutal na contorna da Torre de Hércules, monumento declarado Patrimonio da Humanidade”.

Para o voceiro nacionalista, é “incomprensíbel que unha vez rematada a función para a que foron cedidos os terreos, a Administración Xeral do Estado non devolva o antigo cárcere ao pobo da Coruña” e ao mesmo tempo desatenda as súas obrigas de mantemento do edificio.

Subliña Jorquera que estamos perante a presenza dun ben que está chamado a ser “un espazo de primeiro orde na cidade da Coruña”, ao reunir “condicións axeitadas para múltiples usos”, desde o socio-cultural até o da memoria histórica sen esquecer a súa eventual complementariedade coa Torre de Hércules, para a que podería desempeñar o rol de ser “un centro de interpretación e de atención a persoas visitantes que supla as claras insuficiencias das instalacións actuais”.

De resto, e mentres non se concluíren os traballos de rehabilitación, o Goberno Local, sostén Jorquera, ten que reforzar os labores de vixilancia do edificio “ante a ameaza para a seguridade que representa o seu actual estado”, sen desbotar o escenario de abrir procedementos sancionadores ao Estado se este persistir no incumprimento da súa obriga de conservar as instalacións en boas condicións.

Foto: Cadena SER

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.