O CITIC da UDC obtén financiamento da Xunta para desenvolver proxectos de investigación para avanzar na loita contra o COVID-19

Tres proxectos dirixidos por investigadores do CITIC reciben financiamento por máis de medio millón de euros. Os proxectos baséanse na Intelixencia Artificial para a busca de solucións fronte ao COVID-19

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoia con máis de medio millón de euros a posta en marcha de tres proxectos dirixidos por investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña para avanzar na loita contra o COVID-19. Os investigadores principais destes proxectos son Ricardo Cao, Marcos Ortega Hortas e José Santos Reyes. Os tres proxectos teñen o obxectivo de buscar solucións fronte a crise sanitaria do COVID-19 a través da Intelixencia Artificial.

Con esta liña de axudas, a Xunta destina preto de tres millóns de euros a financiar o desenvolvemento de traballos para dar resposta á crise sanitaria do COVID-19. Presentáronse á convocatoria un total de 39 solicitudes de proxectos, dos que resultaron 15 beneficiarios.

Os proxectos que contarán con financiamento son “Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19”, dirixido por Ricardo Cao Abad e codirixido polo director do CITIC, Manuel F. González Penedo; “Intelixencia Artificial vs. COVID-19: melloras na detección, avaliación e seguimento personalizado dos afectados” cuxo investigador principal é Marcos Ortega Hortas; e “Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial”, liderado por José Santos Reyes.

O proxecto “Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19”, fundaméntase nunha solución baseada en aplicación web e app para a recollida de datos que ofrecerá modelos de predición xeral e de individuo con detección de anomalías, visualización xeolocalizada e funcións avanzadas de procesado de datos con Intelixencia Artificial.

Pola súa banda, o proxecto “Intelixencia Artificial vs. COVID-19: melloras na detección, avaliación e seguimento personalizado dos afectados”, iniciativa da Fundación Profesor Novoa Santos, baséase na utilización da Intelixencia Artificial para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos de COVID-19, gracias ao desenvolvemento dunha ferramenta web distribuída que permita a xestión de datos de pacientes heteroxéneos, a partir da información de probas microbiolóxicas moleculares e de imaxe radiolóxica, co obxectivo de mellorar o diagnóstico da enfermidade COVID-19, a estimación da súa gravidade e a predición da súa evolución, facilitando un mellor control epidemiolóxico.

Por último , o proxecto “Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial” ten o obxectivo de utilizar métodos de Intelixencia Artificial, usando algoritmos de busca do campo de Computación Evolutiva, para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos de SARS-CoV-2. Esta proposta céntrase na mellora da resolución da predición estrutural dos compoñentes e no refinamento da estrutura en compoñentes nos que xa se dispón dun mapa de densidade de criomicroscopía electrónica. A finalidade é facilitar a busca de medicamentos que interactúen con maior eficacia coas diferentes proteínas de SARS-CoV-2.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.