O Concello coruñés construirá un skatepark e unha pista multideporte na praza de José Toubes Pego en Catro Camiños

A actuación, que conta cun orzamento de 316.097 euros, comprende a urbanización da praza e toda a súa contorna, e responde ao compromiso do Goberno local de Inés Rey de que todos os barrios dispoñan de instalacións

O Concello da Coruña construirá un skatepark e unha pista multideportes na praza José Toubes Prego en Catro Camiños, nunha zona situada baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina. O proxecto, que inclúe e urbanización da praza, conta cun orzamento de licitación de 316.097,99 euros.

O Goberno local de Inés Rey redeseñou por completo o anterior plan que só incluía a posta en funcionamento dunha pequena pista de skate. Agora amplíase a actuación cun skatepark máis amplo e a construción ademais dunha pista multideporte e a urbanización de toda a contorna da praza.

Con esta actuación, o Goberno local facilítalle á veciñanza novos espazos urbanos de calidade tanto para uso deportivo como para uso lúdico. ”Trátase de dinamizar o barrio e dotalo de maiores servizos”, dixo a alcaldesa, que lembrou o seu compromiso de que todos os barrios dispoñan de instalacións.

A zona da actuación ten unha superficie de 1.504 m2. O skatepark ocupará aproximadamente unha superficie 400 m2, a cancha de baloncesto coas súas bancadas ocupará 361 m2, e a praza peonil 176 m2. A superficie restante corresponde ás beirarrúas, zona axardinada e novo paso peonil.

Desde o Goberno local sinalan que con esta infraestrutura as persoas practicantes de deportes urbanos como skater, bmx, scooter e roller, así como de baloncesto, disporán dunhas instalacións apropiadas. Tratase, explican desde o Servizo de Infraestruturas, dun lugar adecuado para practicar o seu deporte, que non suporá unha molestia para a veciñanza.

Segundo as persoas responsables do proxecto, o trazado do skatepark busca que todas e todos os usuarios segundo a idade, modalidade e experiencia poidan practicar a disciplina. Por iso, tamén inclúe elementos innovadores con fin de que as persoas con menos experiencia na práctica deste deporte poidan acadar unha evolución superando diversas etapas. Conta ademais con diferentes tipos de planos inclinados e ramplas, e ofrece un amplo abano de posibilidades de movementos,
piruetas e acrobacias para distintas disciplinas.

Canto á pista deportiva, deseñase unha área de baloncesto coa instalación de catro canastras e bancadas para o descanso e goce das persoas usuarias de ambas as disciplinas deportivas.

Outro dos obxectivos desta actuación é mellorar accesibilidade na zona, e por iso se reformarán as beirarrúas e se habilitará un novo paso peonil na rúa Fernando Rey con rede semafórica. Tamén se mellora a contorna das pistas proxectadas e créase unha praza peonil. A intención, sinalan, é que a nova praza se converta nun espazo de encontro e de tránsito, unha zona máis verde e sustentable, que disporá de bancadas e creará unha zona de lecer, e dun banco axardinado, que fai a súa vez de separación respecto ao tráfico existente na zona.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.