O Concello de Vilalba lanza a app ´En Rede Vilalba´para tecer contra as violencias machistas

O Concello de Vilalba anunciou a posta en marcha dunha aplicación móbil, “En Rede Vilalba”, co obxectivo de ofrecer información sobre as distintas violencias que se exercen sobre as mulleres, nomeadamente as máis novas, e sobre os recursos dispoñibles ao seu alcance

Esta ferramenta conta ademais cun espazo para o envío de suxestións, fomentando a participación e contacto permanente coa área de igualdade, así como un apartado de webs, guías, lecturas, filmes ou series de interese.

A app recolle distintos tipos de información que permiten “dotar de ferramentas ás mulleres máis novas por unha canle na que acostuman comunicarse e nun momento no que as novas tecnoloxías adquiren un papel fundamental”, subliña a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso. “Consideramos moi importante promover un achegamento das rapazas ao Centro de Información á Muller de Vilalba e en xeral aos recursos que teñen ao seu dispor, tratar de proporcionarlles información sobre a forma de actuar ante unha situación de violencia, e principalmente que podan detectar os distintos tipos de violencias machistas que actúan agora tamén nas redes sociais e medios dixitais”.

EnRedeVilalba é unha aplicación impulsada polo Concello de Vilalba e financiada   polo Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Segundo afirman desde o Concello, “nesta ocasión fixemos unha aposta decidida por formar e informar ás nosas veciñas máis novas, coñecedoras das estatísticas de aumento do machismo entre a poboación adolescente”, engadindo que “temos un Plan de Igualdade para desenvolver nun prazo de catro anos onde tamén se recollen medidas enfocadas a outros sectores, como as mulleres máis maiores, do rural, rapaces, homes, axentes que interveñen no proceso da violencia de xénero, familias, etc.” Deste xeito poñen de manifesto que “queda moito que avanzar na loita contra as violencias machistas e pola igualdade entre homes e mulleres, pero iremos chanzo a chanzo co fin de reverter este sistema dentro das nosas posibilidades”.

A app pódese descargar tanto nos Smartphones como en Iphone, obtendo un espazo dividido en sete apartados: “qué é a violencia de xénero” facendo fincapé na violencia dixital, “identifico as violencias machistas” incluíndo sinais de alerta e mitos e falsas realidades, “tips para relacións saudables” incidindo no bo trato, “ante a violencia: que podo facer” tanto se ocorre en primeira persoa, na nosa contorna ou mesmo no espazo público, “outros teléfonos de interese” e “para ampliar a miña información”, con distintos materiais que poden informar a través do entretemento e da cultura.

“Agardamos que sea de interese para todas as persoas, especialmente para as rapazas, que descarguen a aplicación e que non dubiden en contactar con nós ante calquera situación que se lles presente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.