O Concello planifica a área educativa de A Coruña en caso de se decretar un novo confinamento

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, reuníronse con representantes das ANPA e das direccións dos colexios co fin de estableceren un marco de actuación en caso de que o estudantado teña que quedar na casa e que a Xunta siga sen asumir as súas competencias

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, reuníronse coas persoas representantes das ANPA e das direccións dos colexios para seguiren traballando en previsión dun posible confinamento co fin de se adiantaren e contaren xa cunha información de base. Deste xeito, poderán establecer protocolos de forma máis rápida no caso dun segundo confinamento co obxectivo de que ninguén quede atrás. As e os representantes das/dos directores e mais dos pais e nais dos colexios trasladáronlles aos edís a súa opinión sobre a realidade actual e mostraron a súa preocupación pola actitude da Xunta despois de que no primeiro estado de alarma non asumise as súas competencias en materia educativa.

Por iso, están recadando información de cada un dos colexios co obxecto de coñeceren as necesidades de todos eles. A intención de ambas as concellerías é estableceren unha comunicación máis fluída coa comunidade escolar para axilizaren as actuacións se for preciso e incluso de cara a detectar problemáticas sociais das e dos estudantes, sobre todo, de quen se atopa en risco de exclusión social. Ao acto asistiron Antonio Leonardo Pastor, presidente da Asociación provincial de directores de centros públicos de primaria; Isabel Ruso, presidenta da Asociación provincial de directores de centros públicos de secundaria; Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación provincial de directores de centros concertados; Dolores Blanco Sanguiñedo, presidenta da Federación das ANPA de centros públicos; e Ignacio Louro Ojea, presidenta da Federación das ANPA de centros privados e concertados.

REFORZO EDUCATIVO

Desde o primeiro estado de alarma, o concello ofreceulles alternativas ás e aos pequenos co fin de que non se producisen desigualdades nas clases por careceren de recursos nos domicilios. Así, un total de 471 estudantes de 21 colexios participaron no programa “Ninguén atrás”, en que voluntariado repartiu tarefas fotocopiadas para que as realizasen na casa.

Ademais, para este curso puxeron edificios e prazas públicas ao dispor dos colexios co fin de aumentaren o perímetro de lecer para o estudantado e reforzaron a vixilancia policial na entrada e saída dos colexios. Así mesmo, repartíronse máscaras entre as alumnas e alumnos máis vulnerables e estanse desinfectando os centros escolares en que se detecta un caso positivo por Covid-19. Por outra parte, aumentaron os contratos de apoio á celaduría dos centros e para mudanzas así como o de limpeza con 150.000 euros máis e o de mantemento ao que lle sumaron 35.000 euros á partida inicial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.