O deporte coruñés participará na campaña “O deporte di NON á violencia”

A alcaldesa, Inés Rey, destaca o papel das e dos deportistas da cidade que “amosan unha vez máis o seu compromiso coa defensa da igualdade en todos os ámbitos”

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Deportes, convoca as e os deportistas, adestradoras/es, árbitras/os e, en definitiva, persoas representantes do deporte coruñés a participaren mañá nunha campaña con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, baixo o lema “O deporte di NON á violencia”.

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, así como o alumnado das Escolas Deportivas Municipais, tamén participarán nesta iniciativa. Rey destaca o papel das e dos deportistas da cidade que “amosan unha vez máis o seu compromiso coa defensa da igualdade en todos os ámbitos”.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e a edil de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, tamén participarán nesta iniciativa. Martínez acompañará durante a xornada a todas e todos os deportistas participantes.

As persoas participantes na campaña faranse unha fotografía no Pazo dos Deportes de Riazor. A bandeira “En negro contra as violencias” tamén ondeará para estas instantáneas, que suporán un símbolo máis na loita para a eliminación da violencia contra a muller. As imaxes publicaranse nas canles sociais da Concellería de Deportes e nas do Concello da Coruña.

Ademais, ás 12.00 e ás 17.00 h, o alumnado das Escolas Deportivas Municipais realizará un acto na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor. Estas alumnas e alumnos vestirán camisetas da Carreira da Muller 2020, co lema “Querémonos vivas”, que non se puido realizar o pasado mes de marzo por mor da pandemia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.