O Grupo Socialista insta á Xunta a priorizar nos orzamentos “medidas para loitar contra a despoboación, o desemprego e a pobreza”

Begoña Rodríguez Rumbo urxe a “actuar no máis inmediato”, incidindo nos “sectores máis afectados” e nos “fogares máis vulnerables” para evitar “un incremento das desigualdades” entre a poboación galega

O portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, instou á Xunta a priorizar medidas para loitar contra a despoboación, o desemprego e a pobreza. Rodríguez Rumbo, que interveu trala comparecencia do director xeral de Planificación e Orzamentos na Comisión de Reactivación, urxiu a “actuar no máis inmediato”, incidindo nos “sectores máis afectados” e nos “fogares máis vulnerables” para evitar “un incremento das desigualdades”.

A portavoz socialista esixiu que os próximos orzamentos “non sexan parecidos aos dos anos precedentes” e se teña en conta a situación actual da covid. Ademais, instou á Xunta a “explicar as liñas de actuación que se supón están a desenvolver trala declaración da pandemia” e a “dar información sobre eses 7 e despois 108 proxectos anunciados polo presidente da Xunta para optar aos fondos europeos”.

Rodríguez Rumbo incidiu nas medidas contra a despoboación “como un dos puntos fundamentais” dentro da elaboración dos orzamentos. Neste senso, lamentou que a demografía sexa “unha das grandes eivas do noso país”. Ademais, destacou que “dende 2009, Galicia perdeu 96.000 habitantes e as proxeccións a 15 anos presentan unha Galicia, en termos demográficos, demoledora”.

A responsable socialista laiouse de que, malia contar “co saldo vexetativo máis baixo de todas as comunidades autónomas”, o goberno galego “non aprobase en 11 anos a Lei de impulso demográfico”.

Rodríguez Rumbo tamén incidiu en que “é importante actuar con todos os recursos posibles para crear emprego de calidade”. Así, lamentou que “unha das eivas que, ano tras ano, ten a Xunta é a falla de execución dos recursos que inicialmente se destinan a esta área nos orzamentos”, polo que instou a “que se executen para poder dar resposta ás necesidades que temos en desemprego”.

Por último, instou tamén a “ter en conta” na elaboración orzamentaria os indicadores de pobreza que revelan que “o 24,3% da poboación galega estaba, no ano 2019, en situación de pobreza ou exclusión social”. Así, recalcou que, hoxe nesta segunda onda da pandemia, “temos unha poboación moito máis vulnerable en Galicia”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.