O “I Ciclo de Conferencias Científicas Aída Fernández Ríos” da Deputación de Pontevedra abordará a Intelixencia Artificial

A sesión contará coa intervención dos catedráticos de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro e Ulises Cortés

A cuarta sesión do I Ciclo de Conferencias Científicas Aída Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias para achegar a ciencia á sociedade, abordará este xoves 5 de novembro diversas cuestións relacionadas coa Intelixencia Artificial. Será unha dobre charla, que se desenvolverá en formato webinar a partir das 19 horas, e estará a cargo dos catedráticos en Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro e Ulises Cortés.

Senén Barro abordará na súa intervención os “Paradoxos da Intelixencia Artificial”, mentres que Ulises Cortés falará de “Humanismo, Ética e Intelixencia Artificial”. Ao termo dos seus faladoiros, abrirase un coloquio e unha quenda para preguntas. As persoas interesadas en asistir de xeito telemático a esta conferencia, aberta a todos os públicos, poden apuntarse a través do formulario que figura na páxina web da Deputación.

Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. É director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixencias da citada universidade (CiTIUS) e foi galardoado este ano cun dos tres Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE)-Fundación BBVA polas súas aportacións á investigación no campo da IA, así como á transferencia do coñecemento. O fallo do xurado valorou o seu brillante currículum investigador así como a súa labor como fundador dun grupo de investigación de referencia e de startups tecnolóxicas e tamén o seu papel como divulgador científico.

Pola súa banda, Ulises Cortés é enxeñeiro polo Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey (ITESM) e obtivo o doutorado en 1984 pola Universodade Politécnica de Cataluña, onde actualmente é catedrático en Computación e Intelixencia Artificial. É impulsor do grupo de investigación High Performance Artificial Intelligence (HPAI) do Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona. O foco da súa investigación céntrase en varias áreas da Intelixencia Artificial, entre as que se inclúen a adquisición de coñecemento e a formación conceptual en sistemas baseados no coñecemento, máquinas de aprendizaxe e axentes autónomos intelixentes.

O I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que a Deputación desenvolve en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias ten por obxectivo achegar a ciencia á sociedade, así como estimular futuras  vocacións científicas. Ademais, con este ciclo con nome de muller, tamén se está a visibilizar ás mulleres científicas, que imparten varias das charlas programadas. A tecnoloxía das cadeas de bloques, a incerteza do ciclo económico, as microalgas e os beneficios do consumo dos produtos da pesca e acuicultura son os temas sobre os que versarán as seguintes conferencias deste ciclo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.