O Pleno da Deputación de Lugo aproba por unanimidade a proposta do Presidente de conxelar os soldos dos membros da Corporación no 2021

“Nestes momentos tan extraordinarios, de crise económica e social na que tanta xente o está pasando moi mal, os políticos debemos ser os primeiros en dar exemplo, ser responsables e estar á altura das circunstancias”, subliñou José Tomé

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade este martes a proposta do Presidente, José Tomé Roca, de conxelar os soldos dos membros da Corporación provincial para o próximo 2021. Deste modo, os 25 Deputados e Deputadas provinciais manterán o ano que vén os mesmos salarios que nesta anualidade.

O mandatario provincial explicou que “no actual contexto, de loita contra a pandemia do coronavirus, queremos trasladar un xesto á cidadanía por parte da Deputación. Sabemos que é simbólico pero para nós ten moita importancia. Temos que ser solidarios coas persoas que o están pasando mal, nun momento de crise social e económica. É o que debemos facer os representantes políticos”.

Nesta mesma liña, Tomé Roca subliñou que os deputados e deputadas da Corporación provincial “somos persoas con vocación de servizo público, de servizo á cidadanía, por riba de todo. Vimos aquí a traballar e a ser solidarios cos nosos veciños e veciñas, non a outras cousas. Nestes momentos tan extraordinarios os políticos debemos ser os primeiros en dar exemplo, ser responsables e estar á altura das circunstancias”.

O Presidente puntualizou que esta medida non se aplicará aos traballadores e traballadoras públicos do organismo provincial, pois neste caso a Deputación aplicará os termos que marca a Lei de Orzamentos Xerais do Estado, que prevé un incremento do 0,9% nos seus salarios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.