O PSdeG destaca que os orzamentos para 2021 “benefician a Galicia”

O coordinador dos socialistas galegos no Congreso chama ao BNG a reconsiderar a súa postura “obstrucionista” e a “sumar” coas forzas de progreso

O coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, destacou hoxe que os orzamentos xerais do Estado “benefician a Galicia” e “repercuten directamente na metade dos galegos e das galegas”, entre pensionistas, traballadores e estudantes.

Por iso, requiriu o apoio de todas as forzas progresistas, especificamente o BNG, para estas contas en plena crise do coronavirus.

“Un partido que pretende definirse como útil para Galicia non pode instalarse no non permanente”, subliñou Meijón, quen recordou o non do BNG á Comisión de Reconstrución, ás recomendacións do Pacto de Toledo e á Lei de Educación, así como a emenda á totalidade aos orzamentos.

“Preferir, en tempos de pandemia, que seguiran os orzamentos de Montoro ou que España puidese perder os fondos europeos é moi irresponsable”, advertiu o deputado socialista, crítico coa “mensaxe falaz” de que os orzamentos non benefician a Galicia.

INVERSIÓN PARA GALICIA

O maior orzamento do PP para Galicia, o do 2012, só consignaba 692 millóns de euros descontando as partidas do AVE. O de 2021 recolle 770 millóns en inversións para Galicia sen o AVE”, contrastou Meijón, para rexeitar “a estratexia de tentar instalar o «España nos roba»”.

Ademais, o dirixente socialista destacou que os orzamentos do Estado destinan 308,3 euros por galego, o que supón case un 20% por riba da media española, que se sitúa en 258,2 euros por habitante. A iso engadiulle os 63 millóns para a rebaixa “histórica” das peaxes da AP-9.

Por todo, Meijón instou ao BNG a que reconsidere a súa postura “obstrucionista”, a que abandone unha posición que o sitúa no lado de VOX e o PP e a que se “sume” ás forzas de progreso no camiño da recuperación económica do noso país.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.