O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, acada o respaldo do 82% do Claustro universitario á súa xestión do ano 2019

Con 104 votos a favor, o Claustro da Universidade da Coruña aprobou a Memoria do reitor do ano 2019, nunha sesión celebrada telematicamente esta mañá e presidida polo reitor, Julio Abalde

A xestión do reitor e do equipo de goberno dese período tivo unha porcentaxe de apoio do 82% dos claustrais ao rexistrar só dous votos en contra e 21 abstencións. A Universidade da Coruña celebrou hoxe este Claustro, que normalmente ten lugar antes do verán, debido á situación derivada da pandemia da Covid-19 como explicou o reitor, quen sinalou que se esperaba poder facelo presencialmente pero que finalmente non foi posible polo que se habilitou unha sala virtual para unha reunión na que, ao igual que nas sesións presenciais, houbo un longo e amplo debate.

O reitor comezou a presentación das actividades da Universidade da Coruña do ano pasado resaltando que “foi un ano positivo, de estabilidade e progreso tanto no ámbito académico como no científico e de transferencia de coñecemento”.

Apuráronse as xestións, comezou o reitor a súa explicación da xestión do ano pasado, para botar a andar o proxecto da Cidade das TIC que promove a UDC, co apoio das empresas do sector e das administración públicas, sendo moi ben acollido. O Ministerio de Defensa axilizou os trámites para habilitar a cesión por un período inicial de cincuenta anos, así como a UDC incrementou os seus esforzos co obxectivo de dispoñer dos terreos da Fábrica de Armas en 2020 para poñer en marcha a Cidade das TIC, particularmente vinculada ao Campus Innova.

Abalde destacou, pola súa importancia simbólica, o acto de apertura oficial do curso 2019-2020 no sistema universitario español polo rei Felipe VI, coa presenza no Paraninfo da UDC de trinta reitores. Tamén no pasado ano, como actividade institucional, rexistráronse as eleccións a reitor da UDC con dúas candidaturas, as dos catedráticos Julio Abalde Alonso e Fernando Martínez Abella, co apoio maioritario da comunidade universitaria para a encabezada polo profesor Abalde.

Ao longo do ano pasado consolidáronse os tres campus de especialización: Campus Industrial, Campus Sustentabilidade e Campus Innova, mentres se mantiveron estables os datos de matrícula de alumnado de grao e de doutoramento e medrou de xeito considerable nos másteres, cun crecemento do 50% nos últimos cinco anos.

Novos graos

No curso 2019-2020 púxose en marcha no Campus de Ferrol o primeiro grao dual do sistema universitario galego, o Grao en Enxeñaría Eléctrica. Así mesmo, implantáronse tres novos graos: Creación Dixital, Animación e Videoxogos; Ciencia e Enxeñaría de Datos e Xestión Dixital da Información e Documentación. Ademais, acordouse a desascrición da Escola Universitaria de Turismo e a creación dun centro propio para impartir o Grao en Turismo no edificio da Facultade de Filoloxía.

No nivel de doutoramento, léronse 102 teses, cun incremento de máis do 14% sobre o ano anterior, a metade das cales recibiron a Mención internacional grazas ás estadías para doutorandos que financia o programa Inditex-UDC.

Investigación

Boa tendencia na produción científica rexistrada en ISI Web of Science con 1.106 artigos, superando por primeira vez o listón significativo dos mil rexistros, unha tendencia reflectida tamén nun aumento da calidade das publicacións de artigos no primeiro cuartil.

Incrementouse a captación de recursos externos para investigación, situándose en 10,56 millóns de euros conseguidos en convocatorias competitivas.

No campo da transferencia de investigación e tecnoloxía ao tecido industrial conseguíronse 225 contratos con empresas e administración públicas por un importe de preto de 4,7 millóns de euros.

Os centros tecnolóxicos da UDC tamén conseguiron importantes axudas. O CITIC captou máis de catro millóns en convocatorias competitivas. O CITEEC, máis de 1,6 millóns en axudas para infraestruturas e equipamento e outros tres en convenios e proxectos. O CIT de Ferrol medrou en recursos captados con respecto ao ano anterior nun 30%. Por último, o CICA aumentou o número de proxectos chegando a 46, así como se incrementaron os fondos captados que pasou de 1,7 a 4,3 millóns de euros. A este centro está adscrita a investigadora do programa InTalent UDC-Inditex Elena Pazos, que conseguiu unha axuda Starting Grant de 1,5 millóns de euros. Este programa de captación de talento, que tivo na terceira convocatoria máis de cen solicitudes, está considerado pola OCDE como un caso de éxito nas relacións da universidade coa empresa.

No ámbito das relacións universidade-empresa, creáronse cinco novas cátedras: Aldaba Wib, Epifanio Campo, Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento; Protección Civil e Emerxencias e a Cátedra de Internacionalización de Estudos Luis Fernández Somoza.

Campus de Ferrol

Asinouse co Ministerio de Defensa o convenio de cesión por cinco anos, con opción de compra, das instalacións da antiga Residencia Oficial de Batallóns para o seu uso universitario que permitirá sacar adiante os proxectos en marcha ligados ás novas titulacións.

Con este mesmo obxectivo, a UDC mercou ao Ministerio de Defensa, por un importe de 1,2 millóns de euros, a pagar en dez anos, unha parcela de 1.500 metros cadrados na avenida de Esteiro. Este edificio acollerá a sede do Campus Industrial, así como laboratorios no marco dunha remodelación de Esteiro que permita o traslado da Escola Universitaria Politécnica ao campus de Esteiro.

Profesorado

As políticas de acceso e promoción do persoal docente e investigador mantiveron a senda da normalización dos últimos anos, pese a estar condicionadas por un marco normativo e económico restritivo. A oferta de emprego público ampliouse a 84 prazas: 22 de catedrático, 36 de titulares e 26 de contratados doutores. Destacan as 14 prazas para a estabilización do profesorado axudante doutor, e 38 para a promoción de contratados doutores.

No que respecta á calidade do profesorado, avaliáronse 92 docentes, dos que a práctica totalidade recibiu unha valoración final de excelente ou notable. Ademais, certificáronse 78 grupos de innovación docente, con 773 integrantes, cunha actividade avaliada favorablemente por unha comisión de expertos.

A UDC incorporou ao seu Claustro de honra tres novos profesores co nomeamento Honoris Causa de David Uzzell, Denise Gastaldo e Enrique Orts.

Alumnado

Medrou a incorporación de estudantado internacional, fundamentalmente de Alemaña, Italia e Francia, e mantivéronse as cifras de estudantes da UDC saíntes, que teñen como destinos preferentes Romanía e Polonia.

Completouse a habilitación ao 100% da residencia universitaria pública Elvira Bao e incrementáronse as axudas ao transporte nun 24%. A UDC atendeu as solicitudes de 42 estudantes con discapacidade ou necesidades específicas de apoio educativo.

Organizáronse diversas iniciativas para facilitar a empregabilidade do alumnado. Asináronse 626 convenios con empresas, institucións e entidades para a realización de prácticas.

Neste sentido, no estudo da situación de empregabilidade do Observatorio Ocupacional sobre os egresados no ano 2015, preto do 70% dos graduados tiña un emprego relacionado cos seus estudos e o 56% dos titulados en grao tardou menos de sete meses en atopar o seu primeiro emprego. No que respecta ao alumnado de Máster, o 35% xa tiña traballo antes de rematar os seus estudos e o 42% botou menos de sete meses para atopar o primeiro emprego.

Informe do reitor

A sesión de Claustro de hoxe comezou como é habitual cun informe por parte do reitor, que fixo sobre a situación actual na universidade marcada pola pandemia da Covid-19. Abalde lembrou que el e o seu equipo tomaron posesión dos cargos o 13 de xaneiro e dous meses despois entrouse en confinamento, co que supuxo de cambio radical para unha universidade presencial que pasou a modo virtual nunha fin de semana. O reitor agradeceu especialmente a actitude responsable do alumnado que facilitou o extraordinario labor do profesorado.

Así mesmo, comentou as axudas ao estudantado que puxo en marcha a UDC a finais do curso pasado, con convocatorias extraordinarias que se dotaron inicialmente con 30.000 euros e ampliáronse posteriormente ata chegar aos 79.000 euros. Este curso, recoñeceu o reitor, estase facendo un esforzo moi intenso para garantir a seguridade fronte á Covid-19 nos centros. A UDC informa desde unha páxina web específica da evolución da situación Covid na universidade, que presenta unas estatísticas de afectados por debaixo dos índices que se recollen no resto da sociedade.

Entre outros temas de actualidade, o reitor adiantou o bo funcionamento que está a ter o Grao en Turismo, integrado na Facultade de Filoloxía, logo da súa desascrición dunha escola privada, e consecuentemente con prezos públicos de matrícula que fixo que se duplicase o número de alumnado de primeiro curso.

Informe da Valedora Universitaria

Finalmente, na orde do día do Claustro, a Valedora Universitaria, a profesora Ana Tarrío, presentou o seu informe de traballo do curso 2018-2019, período en que se presentaron 78 consultas e 51 queixas, cifras similares ás doutras universidades do mesmo tamaño. Por colectivos, o estudantado presentou a maioría de casos, o 76%; o persoal docente e investigador, o 12% e o persoal de administración e servizos, o 6%; do resto, o 4% pertence a outros colectivos e a Valedora actuou de oficio nun 2% dos casos totais.

Asuntos de exames e criterios de avaliación, así como da organización e actividade docente foron os temas máis demandados polo estudantado. Tanto para o profesorado como para o persoal as maiores demandas foron por asuntos laborais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.