Remata a execución da senda peonil e ciclista da estrada LU-633 en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, que permitiron crear un itinerario seguro para os peregrinos que percorren ese treito do Camiño Francés e para os peóns en xeral

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade finalizou esta semana a construción da senda peonil e ciclista da estrada LU-633 en Portomarín, nun treito de 260 metros que coincide co percorrido do Camiño Francés.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, aos que a Administración galega destinou 284.500 euros. Na visita estivo acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e polo alcalde de Portomarín, Juan Serrano, entre outras persoas.

As obras executáronse nos últimos meses co obxecto de construír un itinerario seguro para os viandantes desde a baixada do Camiño -fronte ao albergue situado a esa altura da LU-633– ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín (entre os puntos quilométricos 72,320 e 72,580 da estrada). A senda está finalizada e estes días estanse a facer os últimos remates, en concreto estase a completar a colocación dunha varanda.

“Con esta actuación acádase un itinerario máis seguro para os milleiros de peregrinos que percorren a ruta xacobea e para os peóns en xeral”, salientou Arias. Ao mesmo tempo, engadiu, apóstase por fomentar “un tipo de mobilidade máis saudable e sustentable, cun proxecto que atende a criterios de integración paisaxística”.

Características da senda

A senda deseñouse pola marxe esquerda para permitir que sexa continua, sen que haxa que cruzar a estrada. No inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementouse cun pequeno treito de senda a ese lado da vía e un paso de peóns.

Para acometer as obras foi preciso executar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nunha parte incorporouse unha estrutura en voadizo con varanda para dispor dun ancho adicional.

A obra permitiu ampliar a sección da calzada para poder albergar os elementos da nova plataforma, co fin de reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular pola beiravía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.