Rey destaca o equipo humano da Casa de Acollida como «soporte para as mulleres maltratadas»

A alcaldesa recolleu esta mañá en representación do Concello o Premio Menina 2020 que a Delegación do Goberno lle outorgou a este servizo que leva funcionando desde 1991

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, recolleu hoxe en representación do Concello o Premio Menina 2020 que a Delegación de Goberno lle outorgou á Casa de Acollida pola súa traxectoria de 29 anos. A rexedora explicou que cómpre gardarmos minutos de silencio e realizar actos como os destes días en lembranza das mulleres asasinadas. De igual xeito, “as administacións podemos facer máis profundando nos cambios lexislativos necesarios, promovendo políticas educativas que sementen igualdade e ofrecendo recursos públicos a quen os precisa para saír do círculo da violencia”. Neste punto, lembrou que a dotación da Casa de Acollida non só é importante no espazo físico, no acubillo que ofrece, senón tamén por todo o seu equipo, “disposto a ser a rede que sosteña as mulleres que nela entran, o soporte en que se apoiaren para continuar”.

Rey sinalou que ela recollía a distinción, pero que, en realidade, deberían estar no estrado as persoas psicólogas, as avogadas e as traballadoras sociais que reciben as mulleres, que son oídos que escoitan, abrazos que reconfortan e bocas que calan medos e inseguridades. Elas son as que axudan na tramitación de procedementos que lles achegan recursos para que poidan iniciar unha nova vida: “Como alcaldesa, a primeira muller que preside o Concello en democracia, podo recordar con orgullo a aqueles que me precederon e que, tan lonxe como en 1983, situaron A Coruña no mapa das cidades máis avanzadas en políticas de igualdade, comezando coa apertura do Centro de Orientación Familiar de Orillamar”.

Rey presidiu o acto xunto ao delegado de Goberno, Javier Losada, a subdelegada Pilar López-Riobó e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Nel, recoñeceuse tamén o labor das avogadas e avogados de Galicia que forman parte da quenda de oficio especializado na asistencia a mulleres vítimas da violencia de xénero, unha distinción que recolleu o presidente do Consello da Avogacía Galega, Ramón Jáudenes. Por último, a delegación distinguiu a Julia Conde, sarxenta 1.º da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil da Coruña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.