Sete concellos da comarca da Coruña abren o prazo para solicitar as axudas para autónomos do PEL-Reactiva

Aranga, Bergondo, Sada e Sobrado xa teñen aberto o prazo de solicitudes, mentres que en Carral, Culleredo e Mesía comeza mañá

A Deputación da Coruña, no seu intento de aliviar a carga económica das microempresas e profesionais autónomos/as e de garantir a súa supervivencia e viabilidade no contexto actual de incerteza e restricións a certas actividades, destina 10 millóns de euros de fondos propios ás axudas de PEL-Reactiva. Estes fondos compleméntanse con outros 2,5 millóns de euros achegados polos concellos, polo que o orzamento total do plans ascende a 12,5 millóns de euros.

O pasado 28 de outubro publicouse a concesión dos fondos de PEL- Reactiva aos concellos de menos de 20.000 habitantes de provincia. Na fase que agora nos atopamos, os concellos están a publicar as súas respectivas convocatorias de axudas para repartir estes fondos entre as súas microempresas e autónomos/as.

Un total de 7 concellos da área da Coruña: Aranga, Bergondo, Carral, Culleredo, Mesía, Sada e Sobrado, xa publicaron as súas convocatorias de axudas PEL-REACTIVA polo que os autónomos/as e microempresas destes municipios xa poden solicitar as axudas de xeito telemático a través das sedes electrónicas dos seus concellos.

Estas subvencións poderán solicitalas os profesionais autónomos e microempresas con domicilio fiscal nalgún dos 88 concellos adheridos ao programa que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE como consecuencia da situación de crise sanitaria orixinada pola COVID-19.

Axudas de 1.500 a 3.000 euros

As axudas son compatibles con outras prestacións municipais, oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos/as que conten cun cadro de persoal de entre 6 e 9 traballadores/as.

Poderán destinarse, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de biombos de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións de auga, luz e gas.

O prazo de solicitude dos fondos iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación no BOP da convocatoria específica de axudas do concello correspondente e finalizará ás 14:00 horas do día 25 de novembro de 2020. Todas as solicitudes tramitaranse de xeito telemático a través das Sedes Electrónicas dos concellos, que poden ser consultadas na páxina web de PEL-Reactiva: http://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-5-pel-reactiva/

Polo momento, na comarca da Coruña publicaron a súa convocatoria de axudas os seguintes concellos:

Concello Convocatoria no BOP Apertura de prazo Importe total axudas
Aranga 04.11 05.11 26.479,45 €
Bergondo 02.11 03.11 198.231,46 €
Carral 05.11 06.11 112.962,78 €
Culleredo 05.11 06.11 497.765,04 €
Mesía 05.11 06.11 36.682,54 €
Sada 04.11 05.11 283.014,28 €
Sobrado 04.11 05.11 28.908,76 €

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.