Traballos de reparación na palloza central de Sedes, en Narón

As obras de execución do proxecto de “Reparación da cuberta da palloza da Feira do Trece”, construción que foi calcinada trala celebración do Oenach Atlántico do pasado ano, están xa iniciadas

A empresa adxudicataria acomete dende hai uns días a reconstrucción da palloza, intervención á que o Concello destina unha partida de preto de 17.000 euros. O edil de Servizos, Ibán Santalla, indicou que “tal e como comprometimos no seu día coas veciñas e veciños da parroquia, estase a levar a cabo a actuación que permitirá recuperar esta palloza, un dos elementos simbólicos deste recinto do Trece e que como tal forma parte da cultura e da historia desta cidade”.

Santalla explicou que “dende o momento no que resultou calcinada a estrutura iniciamos as xestións para poder licitar a reparación dos danos na palloza, pero na actualidade hai poucos profesionais que se adiquen a este tipo de traballos e, a maiores, tampouco resultou sinxelo atopar a palla necesaria para a cuberta debido, segundo nos explicaron, a que non foi un bo ano para a colleita”. O concelleiro avanzou que “a empresa prevé, se as condicións meteorolóxicas o permiten, colocar a vindeira semana a palla da cuberta, debido a que xa están ultimando a instalación da estrutura de madeira que a sosterá”.

“Dende o goberno local somos conscientes do valor patrimonial que teñen estas pallozas do recinto do Trece, en Sedes, máxime cando foron as propias veciñas e veciños desta parroquia os que no seu día construíron esta palloza central e xunto á que posteriormente se levantaron outras similares”, recalcou. Santalla indicou que este mesmo ano a palloza central de Sedes quedará totalmente renovada e apelou á colaboración cidadá “para coidar entre todas e todos o noso patrimonio, que é moi valioso e que debemos conservar nas mellores condicións para que as futuras xeracións poidan continuar desfrutando del en todo o seu esplendor”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.