Un 25N en Marín adaptado á situación: máis dixital, artístico e comprometido ca nunca

As restricións sanitarias impiden realizar un acto institucional como o doutros anos, pero levaranse a cabo varias accións artísticas de visibilización na Alameda e utilizaranse as redes sociais durante toda a semana previa ao 25N co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre unha lacra que continúa afectando á nosa sociedade

O Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o 25N, é unha data moi importante a nivel social pola necesidade de visibilizar e concienciar sobre unha lacra que non entende nin de pandemias nin de ningunha outra circunstancia.

Todos os anos, o Concello de Marín organiza un acto institucional no salón de Plenos no que se fai entrega dos Premios Lazo Violeta e no que se le a declaración institucional creada para ese día. Pero este ano é preciso cambiar o formato para poder adaptar a conmemoración do 25N ás restricións sanitarias vixentes.

Deste xeito, realizarase un proxecto artístico na Alameda de Rosalía de Castro, utilizando o arte para visibilizar a realidade das mulleres que sofren violencia de xénero. Dentro desta intervención artística, tomará relevancia un banco pintado de cor morado que o CIM vén de elaborar e no que se pode ler unha frase dunha vítima de violencia machista, que creou a “Carta aberta á liberdade”, que se traballará co alumnado  dos institutos marinenses. A frase que se pode ler é “Unha nova vida empeza e a túa liberdade está ao outro lado do medo”.

O Palco da Música tamén acollerá a exposición de arte fotográfico “Cadeas rotas” coa participación de mulleres marinenses, unha mostra itinerante que pasou polos distintos centros educativos da vila.

Precisamente cos centros tamén se están a realizar diferentes actividades, segundo os distintos rangos de idade, que se traballarán co alumnado durante todo o que resta de mes.

Aproveitando o espazo virtual

Por outra banda e dadas as circunstancias derivadas do coronavirus, intensificarase o uso das novas canles de comunicación para organizar accións relacionadas co 25N.

De xeito concreto, durante toda a semana anterior ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, subiranse publicacións ás redes sociais do Concello recollendo parte das actividades organizadas polo CIM.

Asemade, o CIM de Marín dá un importante paso na súa dixitalización e no seu incansable traballo de formación e divulgación en igualdade, coa creación dunha páxina web, que se estreará o propio 25N. Nela poderán consultarse recursos na rede para toda a cidadanía.

Premios Lazo Violeta

Tal e como xa se adiantou, este ano os Premios Lazo Violeta serán concedidos polo Consello Municipal da Muller aos grupos profesionais que interveñen na xestión dos casos de violencia de xénero e que viron intensificado o seu traballo durante a pandemia.

Son a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía de Marín (UFAM), o Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, a quenda especial de violencia de xénero do Colexio Oficial de Avogacía de Pontevedra, o Xulgado de Garda, o Centro de Recuperación Integral da Muller, a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Igualdade en Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.