Un novo plan de formación de redeiras para lograr relevo xeracional

O Presidente da Deputación de Lugo asinou coa presidenta da Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia un convenio para promover por segundo ano o autoemprego feminino a través dun curso que dará as claves e ferramentas para a creación de empresas vencelladas a esta profesión

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres un convenio de colaboración coa presidenta da Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia, María Dolores Somoza, que ascende a preto de 39.000€ para impulsar por segundo ano un proxecto de formación de redeiras co obxectivo de favorecer a integración da muller no mercado de traballo. En concreto, “o obxectivo é formar ás mulleres que queiran desenvolver a súa carreira profesional no sector do mar facendo o traballo de redeiras e, ademais, darlles as claves para que poidan exercer este traballo por conta propia”, explicou Tomé Roca.

“Esta é unha formación importante porque somos conscientes de que as redeiras viven nun momento crucial. Case non existe relevo xeracional e están asumindo unha gran carga de traballo para a cal non hai man de obra dabondo, polo menos de momento”, subliñou o Presidente. “Agora mesmo, as redeiras teñen que derivar encargos a outras zonas de Galicia porque non poden con medios propios responder á demanda que hai”.

O convenio recolle un plan de 370 horas para que as participantes adquiran toda a formación necesaria para presentarse ás probas de capacitación profesional previstas para os vindeiros meses, un requisito fundamental para exercer este traballo que dá máis posibilidades de inserción laboral. O programa formativo recolle cuestións específicas para exercer correctamente en todas as artes de pesca que se traballan na costa galega, pero tamén uns módulos con coñecemento básicos sobre o funcionamento dunha empresa.

A proposta formativa estrutúrase en cinco partes: unha focalizada nos fundamentos esenciais para a creación de empresas e catro centradas nos aspectos máis específicos que permitan o acceso ás probas de avaliación para a cualificación profesional de redeira: formación na creación de empresas-autónomos (40 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de enmalle (115 horas), acción formativa de confección e mantemento de aparellos de pesca (30 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de arrastre (130 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de cerco (55 horas).

“Queremos que, ademais de aprender un oficio no que escasean profesionais cualificadas, coñezan a fiscalidade, xestións administrativas, xestión do comercio, idiomas, xestións de redes sociais e doutros moitos aspectos que son necesarios hoxe en día para traballar por conta propia”, indica Tomé Roca.

Este plan vai dirixido a mulleres en situación de desemprego ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral. A pesca é un dos grandes motores da provincia, e na comarca da Mariña este sector xera entre 5.000 e 6.000 empregos e demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo.

Éxito da edición anterior

Tomé Roca salientou o éxito da edición que se celebrou o pasado ano, e onde el mesmo participou na entrega dos diplomas acreditativos nun acto en Burela. “O ano pasado a institución provincial impulsou unha acción moi semellante que logrou que o 100% das participantes do curso, 16 persoas, superaran as probas de capacitación que realiza a Xunta de Galicia, o que indica que estes cursos dan unha formación de calidade”, subliñou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.