Veterinaria estende a formación desde as aulas ás explotacións gandeiras

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo a USC estende a formación do seu alumnado desde as aulas, laboratorios e demais instalacións universitarias ata as cuadras das explotacións gandeiras, xa a través de visitas a explotacións particulares ou ben mediante acordos de adhesión para usos académicos de instalacións de carácter público como o son o Centro de Recría de xatas de vacún de leite, a Granxa Gayoso-Castro ou a futura Granxa Experimental do Campus Terra, dotacións todas elas propiedade da Deputación Provincial de Lugo que, apenas no primeiro mes de curso, xa recibiron a visita de 115 estudantes do segundo curso de grao en Veterinaria que están a cursar a materia Produción Animal I.

Esta formación de marcado carácter práctico antóllase vital para os futuros veterinarios, salienta o profesor Ignacio García Lara, quen precisa que ao redor do 90% dos rapaces e rapazas que están a cursar o grao de Veterinaria en Lugo nunca estiveron nunha explotación de vacún, cando “é imprescindible coñecer o medio no que van desenvolver o seu traballo no futuro”, subliña.

O coordinador das prácticas da materia Produción Animal I xunto co tamén docente Ramiro Fouz, relatou que os máis de 100 estudantes que pasaron ao longo do mes de outubro e distribuídos en grupos de entre 15 e 20 persoas polas instalacións do Centro de Recría de Castro, completaron visitas a todas as dependencias do centro guiados polo seu xerente, o tamén veterinario Rogelio Grille. Así, acompañado tamén polos docentes universitarios, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer como se xestiona e desenvolve o proceso de cría e recría de xatas de vacún de leite nunhas instalacións novas e de referencia a nivel nacional.

Coñecer de primeira man as peculiaridades do manexo e da alimentación das novillas de vacún de leite, que anos despois se convertirán en nodrizas produtoras, repercute na mellor formación dos futuros veterinarios, reitera García Lara, ao tempo que indica que a actual conxuntura propiciada pola pandemia dificulta ofrecer este tipo de experiencias de carácter práctico ao alumnado.

O Centro Recría Castro opera desde hai dous anos como unha concesión da Deputación Provincial de Lugo que xestiona a cría das xatas para ser as futuras vacas de leite nas ganderías da provincia de Lugo. Na actualidade, as súas instalacións rexistan un nivel de ocupación de preto do 100 %, o que supón un total de 2.700 animais, distribuídos en distintos lotes homoxéneos. Este modelo organizativo e de xestión permite axustar a alimentación e o manexo dos animais en función das distintas necesidades de cada etapa de crecmento, di García Lara.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.