16.500 menús a menores vulnerables e as súas familias co programa ‘Cubertos Nadal’

A acción forma parte das iniciativas postas en marcha por ABANCA e a súa Obra Social para paliar as necesidades das persoas e fogares máis desfavorecidos durante as festas do Nadal

ABANCA e Afundación porán en marcha este Nadal unha nova edición do seu programa social ‘Cubertos’. A iniciativa ten o obxectivo de apoiar ás familias especialmente afectadas pola crise da covid-19 garantindo unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores vulnerables. O banco e a súa Obra Social prevén repartir en total 16.469 menús aos escolares e ás súas familias entre os días 22 de decembro e 7 de xaneiro, coincidindo co período non lectivo das vacacións do Nadal.

Esta segunda edición do programa desenvolverase, do mesmo xeito que no verán, cando se repartiron 80.000 menús, nas sete cidades galegas con maior poboación (A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense) en colaboración con concellos e entidades sociais como a Fundación Juan Soñador, Cruz Vermella e Cáritas, en función do municipio.

‘Cubertos Nadal’ inclúe dúas accións diferenciadas. Por unha banda, repartiranse 10.269 comidas para os menores, 1.467 por día, e, por outro, entregaranse 6.200 menús especiais dos que se beneficiarán todos os membros da familia, co fin de que estes fogares desfavorecidos poidan gozar tamén dun banquete especial en dúas das datas máis sinaladas das festas do Nadal, Noiteboa e Nadal.

A entrega destas comidas especiais para toda a familia realizarase entre os días 22 e 23 de decembro con algunha sorpresa dirixida especialmente aos pequenos da casa para contribuír a que gocen do espírito do Nadal.

Para a elaboración dos menús de Noiteboa e Nadal, o banco e a súa Obra Social contaron coa colaboración solidaria de empresas do sector alimentario como Nueva Pescanova, que doou parte dos produtos que se entregarán ás familias.

programa de voluntariado de ABANCA e Afundación será decisivo para o correcto desenvolvemento desta iniciativa solidaria. As persoas voluntarias encargaranse de distribuír os alimentos e as comidas elaboradas pola empresa especializada e tamén da entrega ás familias nos puntos de recollida establecidos en cada unha das localidades.

‘Debuxar sorrisos’

‘Cubertos Nadal’ enmárcase nas accións organizadas por ABANCA e Afundación co fin de paliar as necesidades das familias máis desfavorecidas este Nadal, entre as que tamén destaca unha nova edición da tradicional campaña solidaria ‘A ilusión crece cando se comparte’, que este ano extraordinario marcado pola pandemia da covid-19 busca ‘Debuxar sorrisos’ tanto en nenos e nenas como en adultos.

Debido á actual situación sanitaria, a iniciativa desenvólvese cun novo formato que facilita a colaboración de todas aquelas persoas interesadas en sumarse a ela sen poñer en risco a súa saúde. Ademais, permitirá chegar con esta acción solidaria a un maior número de familias de diferentes ámbitos territoriais, cun foco especial naquelas zonas xeográficas onde a presenza do banco e a súa Obra Social é máis significativa.

Apoiar a iniciativa é tan fácil como visitar a web dibujarsonrisas.abanca.com antes do 23 de decembro e facer unha doazón de maneira instantánea a través da pasarela de pagos habilitada con esta finalidade. O único que se necesita é unha tarxeta de débito ou crédito.

Outra opción de colaborar é realizar unha transferencia á conta ES80 2080 7208 3385 3000 7122. Para iso, as persoas interesadas en sumarse a esta acción solidaria poden utilizar as canles de banca a distancia ou achegarse a calquera das oficinas da rede comercial de ABANCA, aínda que se recomenda o uso da banca electrónica e a banca móbil para evitar riscos sanitarios.

Todas as doazóns recibidas trocaranse por carros de compra e xoguetes que se entregarán á Federación Española de Bancos de Alimentos, Cáritas e Cruz Vermella, organizacións que se encargarán de realizar a repartición entre as familias que máis o necesiten coincidindo coas datas máis sinaladas das festas do Nadal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.