A Deputación da Coruña apoia os programas de igualdade e contra a violencia machista das entidades sociais

A deputada de Igualdade, María Muíño, destaca o traballo das asociacións para eliminar o machismo da sociedade
A área de Igualdade da Deputación da Coruña destina 300.000 euros a apoira os programas de entidades sen ánimo de lucro destinados a promover a igualdade e eliminar a violencia machista. A deputada de Igualdade, María Muíño, recoñece o papel «fundamental do tecido asociativo para construír un futuro en igualdade e concienciar á sociedade contra a violencia machista».
«Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña, ademais de desenvolver outros programas e iniciativas destinadas a concellos, consideramos que o traballo das entidades ten unha especial repercusión á hora de eliminar o machismo e a violencia contra as mulleres, tanto en programas de prevención, difusión ou conciliación con especial repercusión social», sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.
As entidades poderán optar a axudas que van desde os 1.000 e 40.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o día 31 de marzo ás 14:00 horas. A porcentaxe subvencionábel do orzamento de gastos financiábeis é do 20% ao 80%.
No ámbito de inciativas de igualdade, apoiaranse programas de empoderamento e participación social, de fomento da igualdade de xénero, de emprego en igualdade de oportunidades, conciliación e responsabilidades compartidas.
En canto aos proxectos que se desevolvan dentro da loita contra a violencia machista, poderán presentarse programas de prevención, sensibilización e identificación da violencia machista e tratamento integral das persoas en situación de violencia de xénero.
As bases e criterios de valoración están publicados no BOP do venres 18 de decembro e a convocatoria cos prazos de presentación no deste 29 de xaneiro.