A Deputación de Ourense catalogará os fondos e organizará unha exposición coa colección artística da Fundación Santamarina-Temes

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou co presidente do Asilo del Santo Angel-Fundación Santamarina-Ternes, David de León Rey, e en presenza do bispo de Ourense, Leonardo Lemos, o acordo para a cesión á Deputación de Ourense dos bens propiedade do Asilo del Santo Angel­Fundación Santamarina-Ternes. “Esta acción -afirma Manuel Baltar- considérase estratéxica no marco da recuperación do patrimonio histórico e cultural da provincia de Ourense para pór estes bens a disposición da Deputación de Ourense, que os inventariará e catalogará”.  

“Trátase dunha mostra de gran calidade que constitúe un legado moi importante para a provincia, e a Deputación de Ourense organizará e financiará unha exposición para amosar á poboación os tesouros que integran a valiosa colección artística, o legado do Asilo del Santo Ángel-Fundación Santamarina-Temes”, afirma o presidente do goberno provincial. 

En total, son unhas 900 pezas, que a Fundación cede á Deputación de Ourense por medio dun comodato -contrato polo cal se da ou recibe algo prestado coa obriga de devolución-, destacando un cadeirado barroco exposto no Pavillón de España da Exposición Universal de Barcelona de 1929; un cadeirado Imperio de 1812, e unha cadeira de brazos cabezal do século XVIII. Tamén inclúe a colección esculturas relixiosas dos séculos XII e XVII e unha escultura de Asorey; así como pinturas -unhas 50 obras- de autores como Sorolla, Dionisio Fierros, Jiménez Aranda, Lloréns ou Castelao. Asemade, hai pezas de ourivaría como un tríptico de Limoges asinado por Nardond de Penicaud, do século XVI; porcelanas europeas e españolas dos séculos XVIII e XIX; unha antiga colección de Sargadelos cunhas 500 pezas, e obxectos persoais como xoieiro de laca chinesa do século XIX.  

O contrato de cesión da colección terá unha duración de dez anos, prorrogables por un período adicional de cinco anos,sempre que as partes non se notifiquen o incumprimento de calquera das condicións do citado documento. 

Ángela Santamarina Alduncín (Tandil, Arxentina, 1862–Ourense 1956) foi a creadora da Fundación Santamarina-Temes, xestora do Santo Ángel, cedendo a esta todas as súas propiedades. Era marquesa de Atalaya Bermeja e condesa del Valle de Oselle. En 1900 constrúe o palacete da rúa Santo Domingo esquina Cardeal Quiroga, e nel recibe a ilustres visitantes. Este edificio e o construído anos despois no barrio do Couto, coñecido polo nome de Santo Ángel, supoñen a presenza máis destacada da marquesa na capital ourensá. Ela tamén financiou a Biblioteca de Rey Soto e colaborou en numerosas obras de caridade polo que se lle concedeu a Gran Cruz de Beneficencia (1926) e foi nomeada presidenta de honra da Cruz Vermella. 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.